Dumbría: segredos por Descubrir

Dumbría ten moitos segredos por descubrir. Moitas e diversas opcións de turismo. Ofrécelle aos seus turistas opcións de aloxamento onde gozar de paraxes naturais no medio rural onde semella que parou o tempo, sen tráfico, sen ruído, sen contaminación, sen présas e, o máis gratificante de todo, en contacto directo co medio natural.
Conta cunha ampla oferta de restauración onde degustar produtos típicos da zona cociñados de maneira artesanal, onde os padais dos seus comensais vivirán unha experiencia chea de novos sabores ao entrar en contacto coa gastronomía local: as carnes das explotacións gandeiras da zona, os cereais cos que se elaboran as empanadas e os pans tradicionais, o peixe fresco da ribeira e os mariscos da nosa costa, a Costa da Morte.
A perfecta combinación de costa e interior que integra ao Concello de Dumbría tradúcese nunha gran variedade de tipoloxías de turismo das que difrutar deste destino turístico:
- Turismo Cultural: co fin de coñecer os aspectos culturais que posúe Dumbría: as tradicións, os oficios ou a arquitectura etnográfica, os restos megalíticos, entre outros.
- Turismo activo: o seu obxecto é o de desenvolver algunha tipoloxía de deporte de aventura no medio natural, no caso de Dumbría o coñecido como barranquismo no río Xallas ou río Ézaro.
- Turismo de natureza: trata de que o turista interactúe coa natureza, a coñeza e lle xere unha preocupación medioambiental a partires da súa visita. En Dumbría a meirande parte dos fitos turísticos son de carácter natural: a Pedra Cabalgada, a Fervenza do Ézaro, a Carballeira de Berdeogas,…
- Turismo rural: desenvólvese no medio rural como é o caso da rexión de Dumbría, e conta con varios establecementos de aloxamento de turismo rural.
- Turismo relixioso: aínda que a súa principal motivación é a fe, tamén se pode encadrar nesta tipoloxía a visita a santuarios relixiosos con outro motivo, o interese arquitectónico ou a mitoloxía dos santos.
- Cicloturismo: é o ciclismo pero de longas distancias, como actividade recreativa e deportiva, e non competitiva que combina a actividade física co turismo. Realízase por pracer, como o que están a facer un grande número de afeccionados a este deporte por Dumbría, como fixo no seu día o pelotón da Volta Ciclista España.
- Turismo deportivo: para a práctica dun deporte, sen ter que ser de aventura. Como pode ser a pesca deportiva, o volei praia, etc.
- Turismo de sol e praia: co fin de gozar do bo tempo na praia, neste caso concreto no areal do Ézaro.
- Turismo gastronómico: é unha forma de facer turismo na que a gastronomía de Dumbría é parte da actividade preponderante durante a visita, como sucede en toda Galicia.
- Turismo ornitolóxico: esta actividade implica desprazarse dende un punto de orixe a un destino específico co interese de observar as aves locais dun entorno, como sucede no encoro da Fervenza.
- Camiño de Santiago: coa escusa de facer o camiño, o peregrino está a converterse nun turista das zonas que vai visitando, englobando así varias tipoloxías de turismo dentro desta: cultural, gastronómico, rural,…
Dumbría é un destino turístico completo que satisfai as demandas dos seus visitantes!
Aínda tes algunha dúbida???: DUMBRÍA É TURISMO