2ª fin semana DUMBRÍA A ESCENA. 29, 30 e 31 agosto

Encaramos a segunda fin de semana destas xornadas acollendo a MOFA E BEFA, a TALÍA TEATRO e tamén ó teatro afeccionado, da man da Escola Municipal de Muxía.
Venres 29, ás 21.30h actuación de MOFA E BEFA,

Sketch no que se recrea un plató de Televisión onde se está gravando un programa de cociña. O lema do programa é: Todo se come, nada se tira.
Mofa e Befa son un dúo constituído por Evaristo Calvoe Víctor Mosqueira.
O sábado 30 obradoiros e máis teatro para tódolos públicos:
- Obradoiro infantil de construción e iniciación aos malabares. Haberá dúas sesións, a primeira delas de 11:00 a 12:30 h. e, pola tarde, reanúdase a actividade de 17:00 a 19:00 h.
- Ás 12:30h. o público infantil tén unha cita con TALÍA TEATRO, que sobe ás taboas con XANGO, a moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina.

Esta é a extraordinaria historia dun home que foi engulido pola súa propia tablet, do que alí dentro atopou, de todas as aventuras que viviu, e dos escalofriantes perigos que tivo que afrontar.
Benvidos ao máxico e dixital mundo de XANGO!
Un espectáculo de mimo e clown dirixido ao público infantil, concretamente a un público entre 7 e 11 anos.
Ao mundo infantil atráelle especialmente o mundo das computadoras, tablets, móbiles, … e diversos aparellos electrónicos. Este espectáculo ademais de proporcionarnos diversión faranos reflexionar sobre os usos e abusos do mundo cibernético.
- Ás 21:30h. TALÍA TEATRO achégalle ó público maior de 14 anos o espectáculo DEMOLICIÓN
Unha situación, un conflito, personaxes e diálogo.Catro pés para o banco da comunicación teatral. Hai outros. Pero quixemos probar se chegaba con estes para que o banco se mantivese en pé.
Comidrama. Xa que o concepto existe, outorguémoslle un nome. Un termo que exprese esa alquimia dramática entre o humor e a emoción, entre a dor e o pracer, entre o divertimento e a reflexión.
A espera, un eco beckettiano que chega de lonxe. O fracaso colectivo reverberando metaforicamente. A fraxilidade humana resoando no fondo do precipicio.
Autor e director: Cándido Pazó. Reparto: Artur Trillo e Toño Casais. Realización de escenografía: Carlos Alonso e Dani Trillo. Vestiario: Martina Cambeiro. fotografía e vídeo: Rubén Prieto. Deseño de cartel: Carlos Alonso.Deseño de iluminación: Dani Trillo. Produción: Auri Ferreiro. axudante de dirección. Diego Rey. Dirección:Cándido Pazó.

Marcelino é un tímido e apoucado mozo de provincias que ten unha fábrica de chocolates no seu pobo natal. Un día, preséntalles á súa nai e á súa tía Maribel unha moza que coñeceu nun bar e coa que decidiu casar. Na casa da tía de Marcelino, a noiva verase envolta nos segredos e curiosidades da familia do seu prometido.
Se es un amante do teatro, ven a OLVEIRA!
Dumbría co teatro.