Ir o contido principal
Modesto García Quintáns e Nieves García Centeno

Modesto García Quintáns e Nieves García Centeno

Decembro de 2023

OS AUTORES:

Datos biográficos

Modesto García Quintáns, nado en Vilar de Buxantes (Dumbría, A Coruña), estudou no Instituto Laboral de Cee (actual IES Fernando Blanco), e o Bachiller Superior en Vilagarcía de Arousa, na especialidade de tornero-fresador, ademáis de estudos de Delineante. Foi así que puido entrar en Madrid na carreira de Enxeñeiro Técnico en Topografía. Ingresou por oposición no Instituto Xeográfico Nacional e en 1970 foi destinado ao Servizo Rexional de Valladolid. Entre 1989 e 1993 foi o director do Servizo Rexional en Galicia. No 2008 foi condecorado coa Cruz de Oficial da Real Orde de Isabel a Católica. Ao xubilárense, converteuse en articulista habitual na prensa escrita e dixital da bisbarra, e tamén é o autor de El Ayuntamiento de Dumbría. Historia, tradiciones y costumbres (Deputación da Coruña, 2008).

Nieves García Centeno: é xornalista e historiadora, licenciada na Complutense e na UNED, respectivamente, cun Doutorado en Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña e cadanseu Máster en Relacións Internacionais e en Protocolo. Ten unha dilatada experiencia nos medios de comunicación, así como na empresa privada. Nos últimos tempos, decantouse pola Arqueoloxía e por escribir sobre as súas viaxes, os museos e sitios monumentais que visita, colaborando en blogs desta temática, especialmente de Exipto. Acaba de rematar un Máster en Exiptoloxía na Universidade de Alcalá de Henares e a principios de 2024 formará parte nos traballos de excavación dunha misión en Karnak (Luxor).

No eido profesional, Modesto, sabemos que es enxeñeiro topógrafo e que traballaches no Instituto Xeográfico Nacional. Dumbría tela máis que pateada, recollendo non só datos xeográficos, senón tamén a nivel de toponimia, de lendas, de alcumes, de datos históricos,… Pódese resumir todo iso?

Modesto: de maneira resumida, eu estiven traballando por moitas zonas de España, pero sobre todo por Castela, facendo os mapas topográficos parcelarios. E, xa en Galicia, traballei na reconstrución da rede xeodésica na provincia da Coruña. Anécdotas e experiencias nestes anos, moitas.

Nieves, xornalista, historiadora. Por que esa elección profesional e que camiño, camiños, percorreches para chegar ata hoxe?

Nieves: eu sempre fun de letras, e aínda que ía para Enxeñeira en Topografía, o desastre na Selectividade nas materias de Ciencias e Debuxo fíxome decantar por estudar Xornalismo, algo que sempre me animaron a facer os mestres, xa que dende nena fun unha grande lectora e escribía sempre que podía. Polo tanto, o xornalismo é vocacional, cando se conxugan a curiosidade e as ganas de contalo. O interese pola Historia vén tamén de nena, pola influencia de pai e nai, ao viaxaren por toda a xeografía española. Tamén de maneira resumida, o que máis destaco, fun Bolseira na Axencia EFE en Madrid, e prácticas en RTVE e La Voz de Galicia, e foi aquí onde recalei ao acabaren o Doutorado. Seguir facendo a tese doutoral ou traballar de xornalista? Puido máis esta última opción e fun correspondente da Costa da Morte, coa Voz de Galicia, e máis adiante, estiven en el El Ideal Gallego e fun responsable dos informativos na Radio Nordés-Cadena Ser, onde me tocou cubrir por exemplo a traxedia do Prestige, e máis tarde Directora de Punto Radio Costa da Morte, con sede en Cee. En Ferrol traballei no Departamento de Protocolo e Comunicación do Concello, e dei clases uns meses na Universidade da Coruña, na Facultade de Comunicación, e xa pasei a traballar en gabinetes privados de comunicación. Na actualidade traballo no eido do sector administrativo e loxístico.

 

O LIBRO:

O libro que nos ocupa, O monte do Pindo ao descuberto: Rutas e Lendas.

Sobre o Monte do Pindo tense escrito moito, pero queda máis por descubrir. Neste libro déixase o Pedregal ao descuberto e cada apartado dá para outro volume, pois se abarcan de maneira sinxela aspectos  como a xeografía e a hidrografía, os ríos e as fontes, os datos da poboación, a historia e lendas, e as rutas que o percorren para chegar á Moa ou a Peñafiel, pasando polos petóns, puntos de interese, covas e refuxios, ríos, muíños, e todos xeorreferenciados con coordenadas UTM. Información inédita en moitos aspectos, como a toponimia do Monte, con máis de 800 topónimos, e todo acompañado por fotografías e un mapa en cor con esas rutas, feito polo Instituto Xeográfico Nacional (IGN), que é inédito tamén.

Como xorde en vós a idea de escribir este libro e como se repartiron as tarefas para sacar adiante esta publicación, como vos organizastes?

Modesto: Desde neno, sempre che chamou a atención este Monte, que de feito non subín ata que dirixín os traballos de construción do vértice xeodésico, na Moa, no ano 1982. Co tempo fun recollendo información, falando coa xente da zona, como Pepe do Fieiro, Marcial, José de Cambeiro, Pedro Lado e José Franco, que me axudaron a descubrir esas rutas e os seus nomes. Moita información, algunha da cal xa foi publicada nos medios da zona, polo que, sobre todo nesa reclusión polo Covid, traballando mesa con mesa coa filla Nieves, lle plantexo a posibilidade de aproveitar ese material e publicalo nun libro.

Nieves: si, e así foi que entro neste proxecto, o que por suposto me enche de ledicia, ordenando e redactando tantos datos, engadindo aspectos como a historia ou as lendas e darlle unha forma  global, completa e que resultara de interese. As fotos son dos dous, a maior parte de Modesto, moitas inéditas, como as das covas ou as dos muíños, entornos que estaban practicamente cubertos pola maleza. O que nos fixo tamén moita ilusión foi o prólogo do catedrático de Historia da USC, Fernando Alonso Romero, quen, dende hai uns anos comparte rutas con Modesto, ás que me arrimo cando podo, e percorrer con eles os montes de Dumbría na busca de petróglifos ou o que cadre. Unha honra para nós contar con esta participación.

Imaxinamos o laborioso traballo de campo, de documentación, de recollida e organización de datos que conleva unha publicación deste tipo. Moito tempo investido, non?

Modesto: Eu invertía os fins de semana e vacacións para percorrer o Monte Pindo, falar ca xente da zona, e iso levaba o seu tempo. Foron anos. O máis laboriosos foi descubrir e visitar esas covas e refuxios, ou limpar os muíños abandonados, co perigo que iso tamén tiña.

Nieves: eu tamén teño subido moitas veces, con Modesto, a este Pedregal máxico. Pensamos que toda a xente da bisbarra lle ten un cariño especial ao Monte do Pindo, sempre nos ollos ou na vista desde calquera punto que nos atopemos na ría de Corcubión e Carnota, Dumbría e Mazaricos.  Por iso agradecemos a grande acollida que está tendo o libro. Na miña parte tamén levou o seu tempo ordenar tantos datos, redactalos de forma que resultaran entendibles e apetecibles para a súa lectura, é didácticos, e que todo formara un conxunto interesante e completo do Monte do Pindo desde todos os seus puntos de vista.

SOBRE O EIDO DAS LETRAS:

De Modesto coñecemos de preto outras publicacións, sabemos de colaboracións habituais en medios de comunicación,… Algo novo sempre no horizonte, Modesto?

Agora estou actualizando e ampliando con novos datos o libro que teño publicado sobre o Concello de Dumbría, ademais de estar concluíndo un Mapa Topográfico do Concello dumbriés e recollendo a toponimia de Dumbría.

En canto a Nieves, como combinas ese binomio entre a historia e o xornalismo? Sabemos da túa afección ás viaxes. Máis alá do desfrute e do enriquecemento persoal, son tamén unha ferramenta máis de traballo?

A min sempre me gustou escribir e contar cousas, polo tanto, ben que agora mesmo xa non traballo en medios de comunicación, do que gardo unhas experiencias profesionais e persoais inesquecibles, sigo a facer o que máis me gusta, que é escribir, contar cousas, e sobre feitos históricos, sobre todo cando viaxo, visitando museos, monumentos, e que conto nas redes sociais. Nestes pasados anos xa participei en varias escavacións arqueolóxicas en Zaragoza e Estremadura, e dando algunhas charlas en seminarios ou congresos sobre Exipto, unha paixón desde rapaza; tras formarsme é moi enriquecedor poder formar parte deste mundo dunha maneira máis académica e investigadora.

Que libro ou libros estás/estades lendo neste momento?

Modesto: eu estou lendo o libro Penas sacras de Galicia, de Martín Almagro e Fernando Alonso Romero.

Nieves: eu leo todo o que me cae de Exipto e teño unha pila amoreada coa que non dou feito.

Gústavos ler en dixital ou preferides en papel?

Modesto: eu prefiro ler en papel.

Nieves: tamén, pero cando xa non tes espazo para máis libros, o posibilidade dixital é incrible, ademais de que podes acceder a volumes de maneira inmediata, por veces máis barato, sobre todo no que respecta aos últimos artigos de investigación que van saíndo.

Que autor ou autora da Costa da Morte, ou de fóra dela, che gustaría recomendar?

Modesto: Eu recomendo o libro recentemente publicado sobre o médico Maroño, polo seu fillo Braulio Pérez Astray, e no que colaborei axudando e aportando ao autor datos que tiña da familia do seu pai.

Nieves: eu recomendo calquera autor da Costa da Morte, que hai mitos e moi bos, como a poesía de Xosé Iglesias, Xaime Trillo ou Suso Bahamonde, de Cee; a literatura infantil de Marta Lado, de Fisterra, ou a prosa romántica e sensible de Junquera López, de Cee, e, ultimamente, o Monte do Pindo está a ter moita presenza editorial, o que sempre é benvido.

Desde o Concello de Dumbría queremos felicitar a Modesto e Nieves pola publicación deste novo libro e agradecemos que elixisen a súa casa, Dumbría, para facer a súa presentación ao público, así coma que accedesen a esta entrevista para o blog do departamento de Cultura.