Servizos sociais
Servizo de Asistencia Social de Dumbría
Dina Lijó García
981744001
Servizos do Departamento
Programa de información, orientación e asesoramento:
As áreas de actuación, entre outras, son as que a continuación se relacionan: vellez, minusvalías, familia, infancia e mocidade, muller, dependencia, comunidade ou marxinación social
Programa de Axuda no Fogar e apoio á unidade convivencial:
O servizo de axuda no fogar consiste na oferta dunha serie de atencións no propio domicilio do usuario, destinado a recupera-la autonomía persoal ou familiar, descubrir os propios recursos e participar como cidadáns na vida da comunidade. Este servizo desenvólvese no domicilio do beneficiario, prestando servizos de apoio social e afectivo, doméstico, compañía nos desprazamentos e xestións diversas.
Os obxectivos principais do programa son, entre outros:
- Prevención en situación de crise persoal e social ás persoas que se atopen necesitadas.
- Facilita-la autonomía persoal no medio habitual de vida.
- Evita-los internamentos necesarios.
- Anova-los vínculos do usuario coa familia, os veciños,...
- Participación do usuario como veciño na vida da comunidade.
- Axudar á familia a asumi-las súas responsabilidades cando, por algunha circunstancia, falle a atención ó persoal.
- Facilita-los medios para que os usuarios poidan mellora-la súa calidade de vida.
O programa vai dirixido ás persoas que se atopan nunha situación de desatención social ou familiar: anciáns que viven sós e non poden ser atendidos polos seus familiares, persoas minusválidas para favorecer a súa autonomía, familias con dificultades, desestruturadas,...
Antes de conceder o servizo a calquera veciño do concello que o solicite, téñense en conta unha serie de aspectos para ser beneficiario de dito servizo:
- Que precisen de coidados por grande incapacidade, ou que supoñan sobrecarga nalgún dos seus membros.
- Que carezan de recursos económicos, ou que estes sexan moi limitados.
- Que carezan de familia directa que se poida facer cargo, ou que a familia que teñan residan noutro municipio, o cal lle dificulta facerse cargo deles.
- Non ter dereito a recibir axuda algunha doutro organismo por este concepto.
Programa de Xantar na Casa
O Concello de Dumbría, no ano 2009 asinou un convenio co Consorcio Galego para a prestación do servizo de “xantar na casa”, co cal se continúa na actualidade.
O programa é un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas maiores ou dependentes, que teñen dificultades para cubrir ás súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús.
Os beneficiarios do servizo son persoas maiores que viven soas e con certo nivel de dependencia que non teñen a ninguén que os atenda o suficiente nas actividades da vida diaria.
Programa de teleasistencia domiciliaria
Son beneficiarias deste programa todas aquelas persoas maiores, menores ou con discapacidade que, debido ás súas condicións de saúde ou limitacións persoais, se atopen nunha situación de especial fraxilidade ou vulnerabilidade, que requiran a utilización de dispositivos de alarma e control.
Existen dúas modalidades de acceso: a través da Deputación Provincial para persoas non dependentes e a través do Sistema Galego da Dependencia para persoas dependentes.
Aloxamento alternativo
Conxunto de actuacións que se realizan para conseguir que a persoa en situación de necesidade conte cun marco estable para o desenvolvemento da convivencia: ingreso en residencia, acollemento familiar, centro de día....
Servizo de Atención Temperá:
No ano 2020 asínase Convenio de Colaboración do Servizo de Atención Temperá entre os Concellos de Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas.
O programa vai dirixido aos nenos de 0 a 6 anos con transtornos de desenvolvemento ou en situación de risco de padecelos, as familias e ao contorno empadroados nos Concellos citados anteriormente.
O seu obxectivo é dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes destes nenos e nenas. A clave é que, canto máis axiña se detecten as posibles dificultades, os resultados da atención profesional poden ser mellores.
Ten dous puntos de atención: un no Concello de Dumbría e outro no Concello de Vimianzo.
Actuacións específicas de prevención e inserción:
Comprende actividades de animación comunitaria abertas a toda a poboación, ademais de promoción de emprego, actividades de ocio,... e actuacións dirixidas á atención a persoas ou grupos que presentan problemáticas definidas de marxinación social.
É de destacar que a información e orientación estivo dirixida a individuos, grupos e comunidades, para informar sobre os dereitos, recursos e accións. Isto eleva considerablemente ós usuarios que acudiron ó servizo.
Programa de saúde e calidade de vida dos maiores de Dumbría:
Dende hai varios anos se veñen realizando actividades para os maiores do concello ó longo de todo o ano para así, entre outras cousas:
- Favorecer a participación dos maiores na vida comunitaria
- Mantelos nun aceptable estado físico.
- Aumenta-la súa calidade de vida.
Programa de Actividades de Conciliación Vida Laboral e Familiar
Dende hai varios anos se veñen realizando actividades para os nenos e nenas do concello no período de vacacións e ó longo de todo o ano para así, entre outras cousas, favorecer a participación das mulleres na vida comunitaria, dado que a maior parte desempeñan o seu traballo na agricultura.
Inclúe:
- Actividades para nenos en períodos de vacacións e fóra do horario escolar onde se lles axuda a formarse dunha maneira entretida en aspectos tan importantes como a educación en valores, igualdade de xénero, prevención da violencia, cooperativismo, autoestima..., e ó mesmo tempo inténtase xerar tempo libre ás nais para que así poidan invertir na súa promoción persoal, formativa e laboral:
- Actividades lúdico educativas en igualdade: clases de apoio, informática, inglés, manualidades, saídas culturais guiadas, contacontos da igualdade...
- Actividades lúdico deportivas que fomentan o cooperativismo entre sexos: cursos de iniciación ó piragüismo, cursos de ciclismo, actividades acuáticas, xogos de mesa que fomentan a participación do sexo feminino,...
Programa de Dinamización Familiar
O programa de dinamización familiar desenvólvense realización de clases de apoio para a obtención do graduado en educación secundaria dirixido a persoas en situación de vulnerabilidade social, persoas sen recursos e persoas con dificultades no acceso á formación básica.
Casas do Maior do Concello de Dumbría
Dumbría conta con dúas casas do Maior, unha en Ponte Olveira e outra no edificio da Bitácora no Ézaro.
As casas do maior son un servizo gratuíto de atención diúrna a persoas maiores de 60 anos, cun máximo de cinco prazas cada unha para asegurar un coidado personalizado.
O servizo é prestado por profesionais autónomos ou cooperativas de traballo asociado, e localízanse en concellos que non contan con recursos de atención diúrna a maiores.
A Consellería de Política Social financia estos proxectos
Máis información en:
https://politicasocial.xunta.gal/es/areas/mayores-y-dependencia/casas-del-mayor
Colaboración con organizacións privadas
A colaboración con organizacións privadas permítenos mellorar e implementar os servizos prestados á cidadanía.