8 de marzo – Día Internacional da Muller. Abrindo camiños en igualdade
Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Dumbría conmemora esta data, baixo o lema “Abrindo camiños en igualdade”, unha mensaxe que simboliza o avance colectivo cara a unha sociedade máis xusta, libre e igualitaria.
A imaxe da campaña representa o camiño cara a un futuro no que mulleres e homes poidan desenvolver os seus proxectos vitais en condicións de igualdade, recoñecendo o esforzo, a loita e a contribución das mulleres ao longo da historia.
Abrir camiños tamén significa cuestionar o que está normalizado, avanzar xuntas, non conformarse e seguir traballando para eliminar as desigualdades que aínda persisten.
A través desta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa igualdade real, coa prevención da discriminación e coa promoción dos dereitos das mulleres en todos os ámbitos da vida.
No marco desta conmemoración, desenvolveranse diferentes accións e actividades, como a xornada Teatralízate, un obradoiro de teatro dirixido ás mulleres familiares do alumnado do CEIP Santa Eulalia de Dumbría; o reparto de abridores conmemorativos, elaborados polos usuarios da asociación Íntegro das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte; e as xornadas divulgativas “As Mulleres na Antigüidade”, co obxectivo de fomentar a sensibilización, a participación cidadá e a reflexión colectiva.
Porque a igualdade se constrúe cada día, o Concello de Dumbría continúa abrindo camiños a través do diálogo, a educación, a cultura e o compromiso institucional, traballando por un futuro máis xusto e con oportunidades para toda a veciñanza.