Dumbría en igualdade: III Plan de Igualdade do Concello de Dumbría 2026 - 2030
O Concello de Dumbría presenta o III Plan Estratéxico para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes (2026–2030), unha folla de ruta que marca o camiño para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, diversa e libre de discriminacións.
A igualdade non é só un obxectivo institucional, senón un compromiso colectivo que implica a toda a comunidade. Por iso, este plan nace coa vontade de seguir impulsando políticas públicas que garantan dereitos, oportunidades e benestar para todas as persoas.
Un plan para actuar
O III Plan de Igualdade estrutúrase arredor de diferentes liñas estratéxicas que orientan as accións municipais nos vindeiros anos:
Igualdade en todas as políticas municipais, incorporando a perspectiva de xénero na acción pública, promovendo a formación do persoal e impulsando unha comunicación inclusiva e non sexista.
Participación e apoderamento, fomentando a presenza das mulleres en todos os ámbitos, promovendo o pensamento crítico e apoiando o emprego, o liderado e a autonomía.
Coidados e corresponsabilidade, poñendo en valor os coidados, promovendo servizos de conciliación e apoiando ás persoas coidadoras.
Loita contra a violencia machista, mediante accións de prevención e sensibilización, promoción de relacións igualitarias e atención e protección ás vítimas.
Este enfoque integral permite abordar a igualdade desde distintos ámbitos, entendéndoa como unha cuestión transversal que afecta ao conxunto da sociedade.
Un compromiso compartido
A igualdade constrúese con accións, pero tamén co compromiso de todas as persoas, desde as institucións ata o día a día da cidadanía.
O III Plan de Igualdade é unha ferramenta para avanzar, pero o cambio real só é posible coa implicación de toda a veciñanza.
Participa
O Concello de Dumbría anima a toda a cidadanía a coñecer o plan e a formar parte deste proxecto común.
Podes consultar o III Plan de Igualdade completo na web municipal, no apartado de Servizos Sociais – Área de Igualdade.
Para facer achegas ou resolver dúbidas, escríbenos a: igualdade.dumbria@gmail.com