Ir o contido principal

#DumbríaEntreLiñas: Concha Blanco e María Canosa

Miniatura Noticia

Fecha:

05 / 06 / 2017

Categorías:

Etiquetas:

auotras
Concha Blanco
libros
literatura infantil e xuvenil
María Canosa

Esta semana o #DumbríaEntreLiñas está dedicado á Literatura Infantil e Xuvenil. E imos falar, non de unha autora, senón de dúas, que ademáis dá a casualidade de que son nai e filla. As dúas escriben. E moito. E ben. E ata publicaron un libro en conxunto. Elas son Concha Blanco e María Canosa.

Autobiografía de Concha Blanco

 No Concello de Cee hai unha aldea que se chama Lires. En Lires está a ria máis pequena de Galicia, que coa marea baixa desaparece; é unha ría con maxia. Antes da ría hai un cruceiro e preto do cruceiro está a miña casa onde nacín o 19 de xuño de 1950.

     Segundo me contaron, tardei moito en saír da barriga de miña nai, retraso que a piques estivo de facerme coincidir nacer con morrer. D. Xoán, o médico que axudou no parto, deume un par de azoutas. Así que dende aquela aprendín a ser puntual nas miñas citas, co traballo, cos amigos, coas amigas.

     Quérovos contar que a miña primeira anécdota xa ocorreu aquel día ó pé do leito naquela casa de Lires. Este doutor, amigo da familia, suxeriulles ós meus que me puxesen por nome Blanca, en vez de Concha. Blanca Blanco Blanco.

     — ¡¡Non!! —aseguraron os meus proxenitores por unanimidade.

     Ata os dez anos vivín neste fermoso lugar.



Concha Blanco, mestra e pedagoga, unha das voces pioneiras no ámbito da realización e aplicación de material didáctico para a aprendizaxe da lingua galega e, ao tempo, posuidora dun extenso e completo currículo no que se refire á traxectoria como autora da literatura infantil e xuvenil.

Concha Blanco ten máis de 40 libros publicados de literatura infantil e xuvenil. Aparte publicou moitos materiais didácticos, libros de texto, participou en obras colectivas; e tamén ten narratica para adultos.

De entre a extensa e variada obra achegamos o resumo dunha delas; Luces, bicos e cores


Edicións Embora, col. Fardel dos soños, Ferrol, 2001, 24 páxinas, 10 €
Resumo [  Velaquí, como un rodopío, papaventos, a cor gris, unha gaita, unha princesa…, a carón de eixes  vinculados co mundo dos sentimentos, das ensoñacións ou doutros ámbitos  facilmente recoñecibles,  a conviviren cunha visión manifestamente optimista que non agocha unha invitación á reflexión cando cómpre. Ao tempo, exhíbese sempre un variado manexo de recursos na construción poética, tal e como lle acae a unha voz sólida e moi experimentada que procura, á mantenta, un diálogo fluídoe directo co lectorado máis novo.] https://cadernodacritica.wordpress.com/2012/11/06/luces-bicos-e-cores-de-concha-blanco-e-gemma-aguasca/ 

Podedes ver a obra completa e biografía da autora en: https://gl.wikipedia.org/wiki/Concha_Blanco

Clube de lectura no que participou a autora: https://www.youtube.com/watch?v=epVtSw1K1qk 


María Canosa


María Canosa (Cee, 1978) é profesionalmente enxeñeira de Camiños, Canais e Portos, sendo escritora de corazón. Articulista en La Voz de Galicia, foi contertulia en varios programas radiofónicos da Radio Galega e Radio Voz. Foi a «experta» en letras nos concursos dos programas de TVG Cifras e letras  e Verbas van. É autora dunha extensa obra narrativa infantil e xuvenil, iniciada con Bramido maino e A pedra do seixo, publicadas en 1997, e continuada, entre outras, por títulos como O Crebanoces (2011), Xiana, a nena pirata (2012), Viaxes de inverno (2013), Druídas (2014), Rubicundo (Xerais 2015), finalista do Premio Merlín 2014, O día que choveu do revés (Xerais 2016) e A cazadora de estrelas (2017), finalista do Premio Merlín 2016. Como narradora publicou Faíscas (2009), DisParo (2016), Non é París (2016) e Cando cae a luz (2016). Publicou, ademais, o libro de poemas Ronca o mar (2011) e o ensaio A que altura está o ceo (2016), en colaboración con Jorge Mira.
O seu último título«Muriel« acaba de ser premiado co  Premio Merlín de Literatura Infantil 2017 

De entre todos os libros de María Canosa escollemos o de "Acuario".(ilustracións de Dani Padrón)
Edicións Embora, colección Fardel dos soños, Ferrol, 2012, s/p, 10  €
Resumo [ A fórmula pola que a autora opta para amosar os trazos principais deses seres que viven no acuario resulta, xa que logo, moi rendible, ao alternar a súa descrición e características propias  co contrapunto fantasioso e suxestivo que as propias nenas e nenos van construíndo. Se, alén diso, se lle engaden acaídas pingas de humor e ironía e mais un  léxico específico vinculado coa denominación dos peixes habituais en Galicia, non dubido en cualificar este álbum ilustrado como unha proposta suxestiva e aleccionadora. A todo iso axuda, e non pouco, a lectura visual do ilustrador Dani Padrón, marcada polo movemento, polo colorido e optimismo.] https://cadernodacritica.wordpress.com/2012/10/18/acuario-de-maria-canosa/


Nenos recitando o libro de "Acuario" https://www.youtube.com/watch?v=A3_bnUcNczk

María Canosa lendo e fomentando a lectura nos coles https://www.youtube.com/watch?v=N40GsvVXj9Q


Concha Blanco e María Canosa, autoras da guía de protocolo 'Será correcto?'


Teño que levantarme cando me presentan a alguén?
Podo apoiar os antebrazos na mesa cando estou a comer?
Pode acompañarme o meu pai a unha entrevista de traballo?
Que levo como agasallo se me convidan a comer a unha casa?
Todas estas cuestións e moitas máis teñen a súa resposta en Será correcto?; unha guía divertida e sinxela, de fácil lectura e manexo e que seguramente axudará a sacar ao lector de máis dun apuro.

Na vida cotiá da maioría das persoas, atopámonos ante diversas situacións que nos presentan dúbidas e que resolvemos como podemos, pero descoñecemos se foi aquela a mellor maneira de facelo. Con todo, saber como hai que comportarse tampouco é difícil e dános moita seguridade.

Será correcto? está pensado para que o consulten adultos, pais, docentes? pois a falta dos bos modais é motivo de preocupación para estes últimos. Pero tamén está orientado aos nenos, xa que temos claro que é mellor aprender bos modais de pequenos.

Será correcto? non é un libro típico de protocolo, nin polo contido ?non esperen atopar aquí como debemos vestirnos para a alfombra vermella?, nin polo seu deseño, con desenfadadas ilustracións que nos convidan a achegarnos ao mundo dos bos modais dunha maneira divertida.
Fonte: http://www.herculesediciones.com/libro/sera-correcto-reeditado/