Ir o contido principal

Entregados os premios dos certames literarios Territorio Vákner no Conco, en Dumbría

Entrega de premios certames literarios Territorio Vákner no Conco, en Dumbría

Fecha:

17 / 11 / 2025

Categorías:

Actualidade Municipal
Camiño de Santiago
Cultura
Eventos culturais
Territorio Vákner
Turismo
Vákner

Etiquetas:

Dende o Concello de Dumbría agradecemos á La Voz de Galicia  e moi especialmente á edición de Carballo a organización e edición dos certames literarios un ano mais, así como a organización do acto de entrega e publicación e difusión do mesmo, facendo que soe o eco do VÁKNER mais lonxe das nosas fronteira, e axudando a medrar o TERRITORIO VÁKNER!
Agradecemos tamén aos centros educativos que participaron nesta ocasión, ao profesorado implicado e a ás persoas adultas que achegaron os seus traballos nesta edición. Unha edición moi numerosa, mais de 300 relatos, que converten a éste nun dos máis importantes certames literarios de Galicia. Parabéns a todos os premiados e 300 aplusos para todos vós!

 

 

«A chamada do Vákner chega cada vez máis lonxe»

Artigo de Patricia Blanco en La Voz de Galicia. 16 de novembro de 2025

Entregados en Dumbría os premios dos certames literarios Territorio Vákner: «Unha idea, unha crenza, unha fantasía é a mellor panca para mover o mundo»«Unha idea, unha crenza ou unha fantasía é a mellor panca para mover o mundo. O Vákner tamén o é para desenvolver o noso territorio e darlle outra dimensión ao Camiño». Escoitouse isto este sábado no albergue de peregrinos do Conco durante a entrega de premios dos certames literarios —escolar e de adultos— Territorio Vákner, iniciativa de La Voz, Radio Voz e Concello de Dumbría. Foron palabras de Xosé Ameixeiras, delegado do xornal en Carballo, que como proba aludiu á industria que máis move Santiago: «A inventio, que foi como a Igrexa lle chamou ao descubrimento no século IX do sepulcro do Apóstolo». O concurso Territorio Vákner tamén se sostén niso, nunha idea, nun mito ou crenza. «Na creatividade cultural e literaria», dixo Julio Abalde, subdelegado do Goberno: «Os libros gardan a memoria da cultura, da historia, da humanidade, a creatividade das xeracións. A cultura galega é universal, temos que saber defendela, saber apoiala».

Pedro Rielo, Mayka Mouzo e Suso Bahamonde mereceron primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente, na categoría de adultos. Marta Rego, do colexio La Salle de Santiago, e Lara Caamaño, do IES Ramón Caamaño de Muxía, os primeiros postos en primaria e secundaria, apartado escolar no que tamén foron recoñecidos Hugo Calvo, Marcos Pérez, Carmen Canosa e Catalina Grace Bowditch —primaria—, así como Adriana González, Helena Canosa, Iria Martínez e Jose Canosa —secundaria—. A todos eles faloulles o escritor Rodrigo Costoya, padriño do certame, dos libros, un «invento revolucionario» para «gardar a información fóra do corpo».


 

𝐀𝐝𝐮𝐥𝐭𝐨𝐬

1. Pedro Rielo Lamela

Lúa chea sobre Pedra Cabalgada

2. Mayka Mouzo Lema.

Vákner versus tronante

3. Suso Bahamonde.

Ás nove para cear

Primaria

1º: «O verdadeiro Vákner». Marta Rego Martínez

(La Salle, Santiago)

2º: «O home lobo de Dumbría». Hugo Calvo Maceiras

(Manuela Rial, Cee)

3º: «O Vákner». Marcos Pérez Ogando

(CEIP Santa Eulalia de Dumbría)

4º: «E ti, que dis?». Carmen Canosa Durán

(CEIP Vila de Cee)

5º: «As estrelas contra o Vákner». Catalina Grace Bowditch (Manuela Rial, Cee)


 

Secundaria

1º: «O gardián do monte». Lara Caamaño Alvite

(IES Ramón Caamaño, Muxía)

2º: «O poder das palabras». Adriana González Leira

(IES Rosalía de Castro, Santiago)

3º: «Unha muller». Helena Canosa Durán

(IES Agra de Raíces, Cee)

4º: «O agocho do Vákner». Iria Martínez

(CPR Compañía de María, Santiago)

5º: «O camiño do Vákner». Jose Canosa Rodríguez

(CPR Manuela Rial, Cee)


«Os libros son a materialización para facer eterno o pensamento humano, posiblemente o invento máis divino e seguramente o máis humano de todos (...) Ningún outro invento sería posible sen os libros, e polos libros é que estamos aquí», afirmou o tamén docente.

A velada no Conco contou co talento ao saxofón do corcubionés Juanma Abelleira, que con Alfonsina y el mar, A mi manera e Autumn leaves levou do público non só varios aplausos, senón algún «bravo!».

 

A de onte en Dumbría, neste «encontro coa palabra, coa imaxinación e coa memoria» —dixo Raúl González, alcalde—, foi unha celebración «da forza da literatura e do territorio: «O Vákner, esa besta misteriosa, segue viva, non nos montes, pero si nas páxinas e voces de quen se atreve a soñalo e reinventalo (...) A chamada do Vákner chega cada vez máis lonxe. Cada relato é unha pegada máis neste camiño literario que medra ano tras ano».

Con case 300 textos presentados este 2025 —cuarta edición de adultos e quinta escolar—, é difícil ver en Galicia un concurso con estas cifras, aseverou Valentín García, secretario xeral da Lingua. Case 300 textos dándolle pulo ao idioma: «Tedes unha cultura e unha lingua propias, un sitio de onde ser, onde estar. Levádeo con orgullo». Como fixeron todos os galardoados, tamén Valentín lle puxo cara ao Vákner: «Os medos, algo tan antigo como a humanidade». Cómpre vencelos como se vencen os monstros —ou, mellor, para Julio Abalde, as ferramentas mal usadas—: a escrita humana impúxose á da intelixencia artificial.

 

 

Un «fardel de palabras» que devén conto

«Saúde, patria, que regresen os amores salitreiros, un rif de guitarra e moito rock&roll». Así rematou o escritor e xornalista Pedro Rielo, primeiro premio na categoría de adultos, a súa intervención. Estendendo o agradecemento a organización e xurado e os parabéns a todos os demais, incidiu na escrita como «tarefa compartida». As 150 toneladas da Pedra Cabalgada, con dúas moles en equilibrio como «por arte de birlibirloque» mais en realidade por efecto dun vento que «sempre fai trasnadas», foron no seu caso inspiración. O conto é a forma dada a «un fardel de palabras»: «Vivimos nun tempo no que as palabras se reducen, é importante a nosa lingua, pero tamén enriquecela, como fala a nosa xente».

 

Carpintería, parafusos, bisagras: todo iso é necesario nunha historia que queira deixar pegada en «tempos de balbordo e ruído», de busca de atención e filtros. Personaxes con compoñente de escuridade, pero tamén de luz («aquí hai moita») pasaron polo discurso de Pedro, que vindicou a adaptación de historias e mitos e tempos actuais, á vez que un lugar para a literatura no xornalismo do día a día: «Un xornalismo coidado». Que ou quen era o Vákner? «Para min, en parte, os outros, as persoas que non escoitan, que non falan, que non teñen empatía, que poñen atrancos, que acoutan a liberdade e acoutan a imaxinación».

 NOVA COMPLETA https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2025/11/16/span-langgl-chamada-do-vakner-chega-vez-mais-lonxespan/0003_202511C16C7991.htm?utm_source=facebook.com&fbclid=IwY2xjawOH_fRleHRuA2FlbQIxMQBicmlkETBLR25uMDYxeXM4bUhtMW1Lc3J0YwZhcHBfaWQQMjIyMDM5MTc4ODIwMDg5MghjYWxsc2l0ZQIzMAABHqeRmKXIp9g-yLhquP1A88GbHC5ACe3FNFdogb32N5VWeq7Pd52SrHi_ztNy_aem_2QWqbLxtXK92NT98-4PY1g 

GALERÍA COMPLETA DAS IMAXES: 

VIDEO DA ENTREGA DOS PREMIOS