Ir o contido principal

Escapados, de María Rey Núñez: presentación do libro

Miniatura Noticia

Fecha:

05 / 10 / 2017

Categorías:

Etiquetas:

autores
biblioteca
escapados
libros
presentacións










O Domingo 15 de outubro, ás 18:00h terá lugar na Casa Cultural do Ézaro a prensentación do libro "Escapados" de Maria del Carmen Rey Nuñez. 

Para coñecer un pouco máis da autora e da obra achegamos unha pequena entrevista e biografía damesma, e agradecemos a súa colaboración e achega. 

BIOGRAFÍA

María del Carmen Rey Núñez

Nada- 11-3-1961 En Lugarnovo- Mazaricos- A Coruña.

  Con oito anos de idade, leváronme estudar a un colexío relixioso: María Inmaculada, en Bañobre Miño. Aí foi onde naceu o meu amor pola literatura. Sendo eu rapaza moi miúda con respecto á miña idade, dábame medo xogar ao brilé, e na troca, refuxábame na biblioteca a ler libros de contos. Ao carón das relixiosas pasei moi bos intres, e aprendín delas case que todo, agás a fé, esa segue a resistirse. Abandonei aquel lugar con catorce anos e o graduado escolar. O seguinte curso fíxeno no centro de formación profesional de Fernando Virt, na Coruña. E sen ter acadado o título do segundo grao, tiven que tornar á miña casa; Aarón pedía vir ao mundo, e ao carón dos meus pais, sentíame máis segura.O meu fillo naceu, e eu funme adaptando a vivir na aldea; coidei do meu neno, da miña nai enferma de cancro, dunha morea de vacas, e por último, do meu pai. Foi nese intre no que tornei á literatura, a tristura de velo paralizado e adormecido , fixo que eu tentara buscar alivio no mundo das letras. E algo axudou, mentres lle dába ao maxín para inventar persoeiros, deixaba de pensar na vida e nas súas falcatruadas. Foi así como escribín Escapados, tentando escapar eu da dor na que me topaba mergullada.


ENTREVISTA

     Cómo xurde a idea desta obra?
 A idea de escribir "Escapados" xurdiu mentres estaba a facer unha ruta de sendeirismo polo Pedregal. Ao par que camiñaba, e coidaba de non caer nas fochancas, ía imaxinando como sería a vida dos escapados da Guerra Civil alí naquel agreste lugar. E cando tornei á casa, xa o tiña decidido; ía escribir unha novela na que os feitos tivesen o seu acontecer no Pedregal do Monte Pindo.

   É a túa primeira publicación
Si.

Canto tempo hai que escribes?
Sempre me gustou escribir, pero debido ás miñas obrigas de gandeira, non puiden dedicarlle tempo.

  Cómo te sintes, xa que todo é novo para ti: presentacións, entrevistas..
Unha nova muller, endexamais pensei que a vida me agasallara de tal xeito.

    Cóntanos qué nos imos atopar en " Escapados"?
Un relato moi duro, e á vez tenro.  A realidade mistúrase coa ficción conseguindo complementarse. Segundo contan os lectores, a ironía con que está relatada, réstalle crúeza e apórtalle un chisco de humor.

Qué che aporta a nivel persoal escribir?
 Sen dúbida enriquece a miña persoa. Dáme folgos para seguir avante, e tentar facer as cousas cada día un pouco mellor.

     A quen admiras como escritor ou escritora?
Gabriel García Márquez, Umberto Eco, Perez Galdós, Antonio Machado, Miguel Hernández...

Qué lles dirías a veciñanza de Dumbría para que leran máis?
 Que ler é un maravilloso xeito de viaxar no tempo e mergullarse en historias abraiantes; algunhas case coma as deles! 

 De qué tratará a túa seguinte publicación?
Da problemática que trae consigo o feito de nacer muller. E con todo, conseguen saír a diante. 

 Qué libro hai na túa mesiña de noite?
 Na miña mesiña de noite repousan varios libros, pero o que estou a ler, é "A memoria da Choiva" de Pedro Feijoo.

  Gústache ler en dixital ou prefires o papel? 
 Gústame ler libros de papel, semellan máis reais. Gozo de ver as portadas, pasar as páxinas, e dobrar a folla para marcar a última lectura. Mais cando vou de viaxe, adoito levar comigo un libro electrónico. É máis cómodo de levar.