FESTIVAL ESCENA MULLER #FEM2025
FEM 2025 chega á Costa da Morte con teatro, memoria e cultura en feminino
A quinta edición de FEM – Festival Escena Muller celébrase este ano na Costa da Morte, cunha programación que aposta pola creación en feminino, a memoria das mulleres e a cultura como ferramenta de transformación social. O festival desenvolverase nos concellos de Camariñas, Dumbría e Vimianzo ao longo do mes de outubro.
A programación inclúe espectáculos escénicos, accións de rúa, obradoiros comunitarios, funcións escolares, regueifas, conversas e unha exposición comisariada polo Museo do Pobo Galego.
FEM 2025 está impulsado pola compañía aAntena Teatro, baixo a dirección de Xosé Leis e Bernardino Martínez, e conta co apoio da Deputación da Coruña, que fai posible a súa implementación nos espazos rurais da provincia.
Un festival con perspectiva, impacto e raíces
FEM naceu como espazo de visibilización das mulleres creadoras e consolidouse como proxecto cultural e social de referencia en Galicia, con foco na igualdade, a creación contemporánea e a conexión co territorio.
Esta edición aposta pola Costa da Morte como escenario vivo, recoñecendo o potencial cultural de concellos como Camariñas, Dumbría e Vimianzo, e a súa relación histórica co saber popular, a palabra e a resistencia das mulleres.
Exposición central: “Coreografías do facer”
Un dos actos máis destacados da edición será a exposición Coreografías do facer. Imaxes do traballo feminino en Gustav Henningsen, comisariada polo Museo do Pobo Galego, que poderá visitarse durante todo o mes de outubro no Albergue Municipal do Conco (Dumbría).
A mostra reúne fotografías documentais tomadas entre 1965 e 1968, que capturan o traballo cotián, os xestos e os vínculos das mulleres galegas do rural, convertendo o corpo e a transmisión en patrimonio cultural.
PROGRAMACIÓN NO CONCELLO DE DUMBRÍA:
- Todo o mes de outubro. Albergue do Conco - Dumbría: Exposición “Coreografías do facer” – Museo do Pobo Galego
- Domingo 12 outubro. 13:00 h. O Ézaro. Paseo marítimo: Regueifa no Ézaro – Lupe Blanco
- Domingo 12 outubro. 20:30 h. O Ézaro. Edificio Bitácora: Golpes – Estíbaliz Veiga (teatro documento)
- Xoves 16 e 23 outubro. 18:00 h. Casa Cultural de Berdeogas: Tecendo Fíos Femininos – Noelia Darriba
- Venres 17 outubro. 20:00 h. Casa Cultural de Berdeogas: Bailan as vellas – Vero Rilo e Atenea García (oralidade)