Homenaxe a Pepe do Fieiro

O domingo, 1 de xuño de 2025, tivo lugar a homenaxe ao señor Pepe do Fieiro. Foi o día de celebrar xuntos e de agradecerlle públicamente a súa labor como divulgador do Monte Pindo.
A xornada arrancou ás 09:30h no Fieiro, Mazaricos, para subir cun grupo de 30 persoas ata o alto da Moa. Iso si, gozando de cada unha das paradas estratéxicas onde nos explicaba o por qué da toponimia, as lendas, as historias da Guerra Civil, o tesouro dos mouros,… A subida foi moi pouco a pouco pero moi entretida e o tempo acompañou, un día despexado pero fresquiño, ideal para camiñar.
Unha vez chegados á Moa aproveitamos para facer unhas fotografías xuntos, gozar das panorámicas: Fisterra, Corcubión, Caneliñas, Gures, O Ézaro, Peñafiel-Xan Quente- Castelo Grande, o miradoiro do Ézaro, O Pindo, Quilmas, as Illas Lobeiras, Carnota, Arcos, … Unha panorámica espectacular!
Arriba pouco podíamos estar, pois o nordés sopraba con forza, e puxémonos rumbo ao merendeiro. Pero Pepe tiña outro plan, achegarse ata o lugar onde seu pai atopou a xerra de barro e dende alí ir logo rumbo ao merendeiro. Mentres todos aproveitamos para repoñer forzas comendo e bebendo, Pepe sacou un papel da súa mochila para deleitarnos co seu arte: unha poesía feita por el sobre o Monte Pindo. A penas bebeu uns chopos da súa clara de limón e continuou contando un conto de tradicón oral: o Encanto das Chozas… Meu pobre, non o deixamos nin descansar!!
E tivemos que poñernos en marcha para baixar, pois o tempo ía xusto para a seguinte parte do día. Ao final, cumprimos co horario e chegamos ao Fieiro un pouco antes das 14h. Collemos os coches e puxémonos rumbo ao Centro de Interpretación de Rutas (CIR) Monte Pindo e Fervenza do Ézaro para a gran sorpresa de Pepe, máis ben un feixe de sorpresas, unha tras doutra sen a penas darlle tempo a reaccionar.
Unha homenaxe para agradecerlle a súa labor de guía do Olimpo Celta, de divulgador, de defensor e de explorador desta montaña. O acto foi presentado pola concelleira de cultura e turismo do Concello de Dumbría, María Lema, quen tras agradecerlle a súa labor, deulle paso ao alcalde do Concello de Dumbría, Raúl González, quen aproveitou para reiterar as grazas pola súa labor altruísta, así como para contar algunha anécdota de Pepe. Posteriormente, a tenente alcaldesa, María Agulleiro, xunto cos seus compañeiros de corporación fixéronlle entrega dunha fotografía súa no alto de Peñafiel, obra de Juan Louro.
A continuación, a técnica de turismo do Concello de Dumbría, Ada González Fernández, presentou a nova edición do libro Pepe do Fieiro, o neno que soñaba coa montaña, que estará dispoñible nos colexios e bibliotecas dos 3 concellos integrantes do Monte Pindo: Carnota, Mazaricos e Dumbría. Foi a quenda de Pepe, quen aproveitou o momento para reivindicar a diversa toponimia desta gran mole granítica chea de maxia, así como de lanzar a súa invitación a gozar do Monte Pindo outro día, con calma, pero para pasar o día enteiro alá, sen présas, como a el lle gusta.
Pensando que xa non habería máis nada, chegou un dos momentos máis agardados: o descubrimento da placa na súa honra coa que se bautiza o CIR e na que quedará para a posteridade.
Houbo tempo para que tamén participasen o exalcalde do Concello de Dumbría, Xosé Manuel Pequeño, que citou a súa labor como veciño activo na vida social do lugar do Ézaro. Tamén falou o actor, presentador, produtor e director galego Xosé Antonio Touriñán quen non quixo desaproveitar a ocasión de gozar da sabiduría do señor Pepe do Fieiro e acompañalo na súa homenaxe.
Non podíamos rematar a xornada sen algo doce, polo que o Concello de Dumbría entregoulle un paquete cheo de chocolates, porque quen coñece a Pepe ben sabe que é moi lambeteiro!!
Será este o seu segredo para estar mellor ca un rapaz de 19?
Pechou o acto Raúl González, alcalde de Dumbría, onde falou do proxecto #DumbríaesTI que pretende gravar ás persoas de Dumbría co fin de contar logo cun arquivo audiovisual para poder preservar o patrimonio inmaterial da nosa terra. Pepe do Fieiro será un dos primeiros en formar parte do proxecto.
#DumbríaéTurismo #DumbríaéCultura #MontePindo #PepedoFieiro #PatrimonioInmaterial #OlimpoCelta #Dumbría #Carnota #Mazaricos #CostadaMorte #cir