Ler para ser libres: as nosas bibliotecas

Libros, camiños e días dan ó home sabiduría
(proverbio árabe)
Queremos amosarvos neste día a Biblioteca e as Axencias de Lectura do Concello de Dumbría, uns espazos que nos adentran non só no mundo dos libros senón que tamén son un acceso á cultura, á información e ó saber.
Dumbría ten unha Biblioteca Municipal que está situada no Ézaro e catro Axencias de Lectura que están situadas nas Casas de Cultura de Berdeogas, Olveira e Buxantes, e nas instalacións do Conco - Dumbría.
Os servizos que ofrecen cada unha delas son:

- Lectura en sala e sala de estudo.
- Préstamo a domicilio.
- Acceso a internet, aula de informática e impresora.
- Axuda nas buscas de información
- Ademais das actividades que nelas se ofertan regularmente (animación á lectura, apoio escolar, inglés, informática,...)
Para consultar que libros temos nas Bibliotecas, podédelo facer dende a casa, entrando no noso Blogue (dumbriaecultura.blogspot.com) e despois pinchando na sección Bibliotecas. Unha vez dentro, accededes ó CATÁLOGO e abonda con saber o título ou o autor para buscar a obra.
Unha vez localizada, só tedes que achegarvos á Biblioteca e solicita-lo seu préstamo.
Se non está na biblioteca da vosa parroquia, pero si noutra do concello, facémosvolo chegar nun plis-plas.
As bibliotecas do concello posúen máis de 20000 libros e 50 ordenadores para acceder tanto a coleccións dixitais coma a outra información de interese. No ano 2011 preto de 8000 visitas á Biblioteca demostran a gran importancia dun punto de acceso á información nun entorno rural coma Dumbría.
Nesta semana do libro recordarvos que podedes trocar os vosos libros no punto que encontraredes na Biblioteca "Libros libres: Troco de libros".
Desta maneira os libros que non usedes teñen unha nova vida e serán libros para facer rir, chorar, soñar e vivir a outras persoas.
Ler para divertirse, para entreterse, para informarse ou aprender; nos libros, nos cadernos do colexio, nos xornais, nas revistas, nos ordenadores, na tablet ou no teléfono:
LER PARA SER LIBRES