Pasar al contenido principal

Un pombal é unha construcción popular para a cría de pinchóns e pombas. O pombal aparece no patrimonio etnográfico galego en menor medida que o hórreo debido ao escaso rendemento que se lle sacaba. A carne de pichón non era moi valorada fronte á doutras aves de corral. Ademais, a pomba era considerada máis un animal a admirar que como alimento.

O esterco que xeraba o pombal era escaso e un número excesivo de pombas podía ser contraproducente para a sembra do campo. Por este motivo, facer grandes pombais de pedra con tellado considerábase máis un símbolo de estatus social e reservábase para as grandes leiras de clases sociais altas e para o pazo galego. Xa o di o refrán “Palomar, capilla y ciprés, pazo es”.

No Concello de Dumbría destacaca o pombal situado no lugar de Berdeogas, a carón da igrexa parroquial, do castro e da carballeira Devesa da Lúa.

É unha fermosa mostra de pombal feita con pezas de cachotería encintadas que fano destacar de maneira especial. Un tellado a unha auga, con tella do país para a cuberta. Ten forma de ferradura o que lle imprime un aspecto distinto, a súa pranta é circular e o corpo cilíndrico.

Unha única porta serve de acceso ao mesmo e, para a entrada das pombas, situáronse preto da cima uns buratiños cadrados. Un beirado sobresae arredor do perímetro, servindo de lugar de pousadoiro das pombas.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

O muíño hidráulico foi a máquina máis perfecta e cotizada no rural galego pola súa funcionalidade, rendibilidade e economía, creando uns constumes e un folclore no seu entorno que serían transmitidas de xeración en xeración.

Ainda que algúns muíños eran de uso privado, a maioría eran veciñais ou comunais. O seu reparto era por “pezas”, días, noites ou un determinado número de horas que respondía a un calendario fixado de antemán e transmitido, na maioría dos casos, verbalmente de pais a fillos.

Os accesos eran a través de tortuosos sendeiros que obrigaban a levar a mercadoría, moitas veces de noite, ao lombo.

Ademais da súa funcionalidade para moer, o muíño era un punto de encontro veciñal onde se repasaban as novas, as cancións e os bailes. É aquí onde nace a “muiñeira”.

No catastro do Marqués de la Ensenada aparecen inventariados no ano 1761 un total de 82 muíños no termo municipal do Concello de Dumbría. Pénsase que o máis antigo é o situado no lugar da Carballa (Buxantes), cuxa construcción debeu ser a finais do século XV e comezos do XVI.

Os muíños veciñais sempre foron un lugar de relacións e amores. Os xoves acodían á muiñada rematando en troula, baile e canto.

Inventario de muíños por parroquias:

  • Parroquia de Berdeogas: 28.
  • Parroquia de Buxantes: 46.
  • Parroquia de Dumbría: 40.
  • Parroquia do Ézaro: 30.
  • Parroquia de Olveira: 34.
  • Parroquia de Olveiroa: 9.
  • Parroquia de Salgueiros: 15.

#DumbríéPatrimonio #DumbríaéTurismo

Durante moitos anos, os hórreos e os cruceiros foron as dúas construccións emblemáticas de Galicia, debido á gran abundacia dos mesmos. O hórreo xorde para preservar os cereais dos inimigos: a humidade, os ratos e outros insectos.

Dependendo da climatoloxía, dos materiais predominantes nunha rexión, do volume da colleita e do “status” económico, os hórreos construíanse dunha ou doutra maneira. Na nosa zona, o hórreo común é o coñecido como Fisterra. Características: rectangular, estreito e alto, proporcionalmente máis longo, suspendido sobre postes de pedra e cunha porta no costado.

Existe un amplo vocabulario para nomear este tipo de construccións: celeiros, cabaceiros, cabazos, canastros, cabás, graneiros, espigueiros, etc.

Xa no século I a.C., Marco Terencio Varrón, escritor latino que veu a España coas tropas romanas, fala dos hórreos no seu libro sobre a agricultura. Fala concretamente das diferentes maneiras de conservar os cereais, a “Granaria Sublimia” na que o gran se ventila lateralmente e por debaixo por atoparse suspendido e aillado do solo.

Ainda que sone estraño, segundo as referencias históricas, a existencia do hórreo é moi anterior á chegada do millo a Galicia. Namentres, a súa expansión está intimamente vencellada ao cultivo deste cereal.

A meirande parte da propiedade das terras pertencía aos mosteiros e á nobreza. Os labregos que as traballaban tiñan que pagar un imposto, o coñecido como foro, subforo ou diezmo.

No Concello de Dumbría existen sobre uns 794 hórreos, destacando pola súa lonxitude o da Rectoral de Berdeogas, con 15 pés pola cara norte e 16 pola sur; cunha lonxitude de 24m. Pola contra, o máis pequeno é o de Santa Lucía, no lugar de Lucín (Olveira), con tres pares de pés e cunha lonxitude de tan só 2,5m.

Como curiosidade, o hórreo do lugar de Chaín (Berdeogas) ten os pés inclinados. Segundo testemuñas, puido ser consecuencia do terremoto de Portugal do ano 1755, onde morreron máis de 2.000 persoas.

Número de hórreos por parroquias:

  • Parroquia de Berdeogas: 143.
  • Parroquia de Buxantes: 172.
  • Parroquia de Dumbría: 148.
  • Parroquia do Ézaro: 73.
  • Parroquia de Olveira: 143.
  • Parroquia de Olveiroa: 38.
  • Parroquia de Salgueiros: 77.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

Os celtas tiñan a crenza de que a auga era un elemento dotado de poder divino con virtudes máxicas e poderes curativos. Era como un lazo de unión entre o espíritu da persoa e a vida terrenal.

Tanto os manantiais coma as fontes estaban consideradas algo máxico e sagrado onde no seu interior acollía o espíritu sobrenatural que debía coidarse con delicadeza e relixiosidade.

A través de rituais, esta forza sobrenatural manifestábase na cura de enfermidades, dores corporais, mal de amores e doutros tipos, dando como resultado o benestar xeral da persoa. Nestes casos prevalece a fe sobre a razón.

Destacan as augas milagreiras da Fonte Santa das Neves, en Buxantes, na que os nosos ancestros usaban a auga desta fonte para que os animais desen suficiente leite para amamantar as súas crías.

Quen non viu na festa de Santa Lucía de Olveira limpar cun pano mollado na fonte os ollos do ofrecido? Estes panos tiñan que colgarse nas matogueiras dos seus arredores para que o mal traspasado ao pano se evaporase.

Ademais das “fontes milagreiras”, no Concello de Dumbría abundan as fontes nas que un pode saciar a súa sede.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

Un cruceiro é un monumento relixioso constituído por unha cruz de pedra, cunha ou varias imaxes, elevada sobre unha columna asentada sobre unha plataforma e situado, normalmente, en lugares públicos.

O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na terra e na cultura galegas. Está intimamente vencellado á paisaxe rural galega. O cruceiro tamén é característico doutras rexións do mundo con fortes raíces católicas, como por exemplo Irlanda onde se chama high cross, tamén en Francia, Alemaña e Gran Bretaña hai cruceiros.

As principais funcións dos cruceiros son: a santificadora de camiños, a protectora de sinistros, a conductora de peregrinos, o descanso para camiñantes, a anunciadora da proximidade a santuarios, a comemorativa de acontecementos históricos, etc.

As partes dun cruceiro son ser: a cruz (co anverso adicado ao Cristo crucificado e co reverso á Virxe), o capitel, o fuste, o pedestal e a plataforma (a parte inferior do cruceiro, composto de varios escalóns).

No Concello de Dumbría abundan os cruceiros e as cruces. A continuación expóñense por parroquias os que se conservan na actualidade:

  • Parroquia de Berdeogas: Cruceiro da Grixa, Cruceiro da Pedriña e Cruceiro de Cándido.
  • Parroquia de Buxantes: Cruceiro do Marco do Couto, Cruceiro da Fonte Santa, Cruceiro de Figueiroa, Cruceiro do Campo de Buxantes, Cruceiro da Porta da Igrexa e Cruceiro do Cemiterio.
  • Parroquia de Dumbría: Cruceiro da Grixa, Cruceiro das Herbas, Cruz de Cheo e Cruz de Laureano.
  • Parroquia do Ézaro: Cruceiro de Santa Uxía, Cruceiro da Igrexa do Ézaro e Cruz de Pao.
  • Parroquia de Olveira: Cruceiro da Grixa, Cruceiro de Vilar, Cruz do Logoso e Cruz Vao de Ripas.
  • Parroquia de Olveiroa: Cruz do lugar de Olveiroa e Cruz da Pontella.
  • Parroquia de Salgueiros: Cruceiro do lugar de Salgueiros e as catro cruces arredor da igrexa.

Fonte: “El ayuntamiento de Dumbría. Historias, tradiciones y costumbres” de Modesto García Quintáns.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

Se ben Galicia é coñecida como a terra dos mil ríos, o Concello de Dumbría tamén é un municipio no que as súas arterias son de auga doce.

Atendendo á súa definición, unha ponte é unha construcción que permite salvar un accidente xeográfico, como pode ser un río, un canón, un val, unha estrada, un camiño,… O deseño de cada ponte varía dependendo da súa función e da natureza do terreo sobre o que se constrúe.

O río principal do Concello de Dumbría é o coñecido como Río Ézaro ou Río Xallas. Con a penas 60 km, é o río de Galicia máis aproveitado para a producción de electricidade. De feito, nos seus últimos quilómetros de percorrido, conta con catro encoros: A Fervenza, A Ponte Olveira, Castrelo e Santa Uxía.

En canto ás pontes, son varias as que existen no termo municipal, entre as que caben destacar:

 

PONTE A PONTE OLVEIRA

A Ponte da Ponte Olveira: datada nos séculos XVII e XVIII. Construída con perfectas pezas de cantería de granito, salvando o curso do río por medio de tres arcos de medio punto con 12 metros de luz e uns 7 metros de altura na parte máis elevada. Posúe catro tallamares triangulares situados a favor e contra corrente. O taboleiro ten un ancho de pouco máis de 5 metros, sendo substituído o orixinal por un de formigón para poder asfaltar a estrada. Foi escenario dunha encarnizada batalla coas tropas napoleónicas e é o punto de entrada dos peregrinos ao concello.

 

PONTE DO ÉZARO

A Ponte do Ézaro: a construcción da ponte xorde como consecuencia dun fatídico suceso acontecido en xaneiro de 1902 ao falecer 23 persoas afogadas ao envorcar a barca na que cruzaban este tramo do río. Foi moito máis tarde, en setembro de 1951, cando se inaugurou a Ponte do Ézaro. É unha obra de cantería en ámbolos dous estribos, sustentados sobre cimentos que superan os 25m de profundidade. É aquí onde o río Ézaro ou Xallas deixa de ser río para convertense en mar, no Océano Atlántico.

 

PONTE VAO DE RIPAS

A Ponte Vao de Ripas: situado sobre o Rego Hospital é paso obrigado para os peregrinos de Santiago a Fisterra-Muxía; concretamente está situado entre Olveiroa e O Logoso. ( Coordenadas: 42.968918, -9.063190 )

 

PONTE PEÓN

A Ponte Peón, ao contrario do que poida indicar o seu nome, non é unha ponte senón un acueduto. De feito, é un dos recunchos arquitectónicos máis importantes do Concello de Dumbría. Está agochado nunha carballeira próxima ao lugar de San Crimenzo.

Trátase dun acueduto feito de cantería que salva un desnivel aproximado duns 20 metros sobre o río. Forma parte da canle de case 7 km de longo que sae da presa do Brazal e abatece de auga á central hidroeléctrica de Castrelo, situada no Ézaro.

Esta obra foi realizada a finais da década dos 40 do século pasado (1947-1950) e consta de dous piares centrais unidos aos estribos por tres arcos de medio punto.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

Un cemiteriocamposanto ou panteón é o lugar onde se depositan os restos mortais dunha persoa. Dependendo da cultura do lugar, os falecidos introduciranse en ataúdes, féretros ou sarcófagos, ou simplemente se envolverán en teas; para seren logo enterrados baixo terra ou depositados en nichos, mausoleos, criptas ou outro tipo de sepulturas. Tamén se usan para enterrar as cinzas de persoas incineradas.

Cemiterio municipal de Olveira – Dumbría

A palabra cemiterio ven do termo grego koimetérion, que significa dormitorioporque, segundo a crenza cristiá, no cemiterio dormían os corpos ata o día da resurrección. Aos cemiterios católicos tamén se lles chama camposantos.

Cemiterio municipal de Cores de Dumbría.

No Concello de Dumbría hai un cemiterio veciñal, feito polos veciños do lugar do Ézaro, que é coñecido como o novo cemiterio e está ao carón do cemiterio vello do Ézaro. No tocante aos cemiterios municipais, no municipio hai dous: o de Olveira e o de Dumbría.

O cemiterio de cores de Dumbría xa é un referente a nivel turístico para os apaixoados dos camposantos e do turismo necrófilo, así como da arquitectura moderna. É obra da arquitecta Rosana Pichel e está inspirado na obra neoplasticista de Piet Mondrian.

Interior do Tanatorio Municipal de Dumbría

Conxuntamente cos cemiterios municipais, cabe falar do tanatorio tamén de titularidade municipal. Trátase dun tanatorio moderno e diferente ao que estamos acostumados. Localízase ao carón do Cemiterio de Cores de Dumbría.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

O patrimonio industrial é, segundo o International Committee for the Conservation of the Industrial Heritage, o conxunto de restos da cultura industrial que posúen un valor histórico, tecnolóxico, social, arquitectónico ou científico; tales como: edificios, maquinaria, talleres, fábricas, almacéns…

En concreto, no Concello de Dumbría, cabe destacar a presenza das centrais hidroeléctricas situadas a carón da Fervenza do río Ézaro, que serpentea o concello ata acadar a desembocadura no atlántico, nese punto de especial fermosura: a Fervenza do Ézaro.

 

ENCOROS

No Concello de Dumbría só existen encoros no río Xallas-Ézaro. Este río, conta na actualidade con catro encoros cuxa principal función é a de controlar o caudal do río para o funcionamento das centrais hidroeléctricas e como abastecemento de auga para outros concellos da zona.

  • Encoro da Fervenza: é un dos máis importantes da provincia da Coruña. Abrangue terreos dos concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas. Foi construido en 1967.
  • Encoro da Ponte Olveira: situado a uns 600m ao sur do lugar de Olveiroa, foi construido en 1966.
  • Encoro de Castrelo: atópase a uns 600m ao sur do lugar de Brazal (Buxantes). As augas deste embalse son conducidas mediante un canal de 6,8km e 11 túneles ata a central do Pindo. Foi finalizado en 1954 e a súa construción foi moi tráxica para a zona, falecendo moitos obreiros debido á enfermidade da silicose.
  • Encoro de Santa Uxía: localízase no lugar de Santa Uxía. Foi rematado en 1989.

     

CENTRAIS HIDROELÉCTRICAS

Ainda que ao longo do cauce do río Xallas-Ézaro existen varias centrais hidroeléctricas, cabe falar de dúas en concreto pola súa arquitectura e antigüidade.

  • Central Hidroeléctrica del Pindo: situada a carón da Fervenza do Ézaro, foi construida en 1903. No seu día, parte do edificio albergou un Centro de Interpretación da Electricidade que a día de hoxe está pechado.
  • Central Hidroeléctrica de Castrelo: situada a carón da Fervenza do Ézaro, foi construida durante a primeira metade do século XX.

 

FACTORÍA FERROATLÁNTICA

A Factoría Ferroaltántica está situada no lugar coñecido como “Barro Branco”. Adícase á fabricación de ferrosilicio e ferromanganeso. Comezou o seu funcionamento no ano 1978. Autoabastécese da enerxía eléctrica producida polas centrais hidroeléctricas situadas no cauce do Río Xallas-Ézaro.

 

FÁBRICA “PIENSOS DUMBRÍA”

A fábrica “Piensos Dumbría” está situada a uns 500m ao sur de Olveira e pode considerarse unha das máis importantes da comarca na fabricación de pensos. Foi creada polos irmáns Pérez no ano 1987.

 

INDUSTRIA EÓLICA

O territorio de Dumbría conta con varios parques eólicos a pleno rendemento.

 

ESTACIÓN DE RADAR

Situado a uns 2.000m ao sur do lugar de Sarteguas (Berdeogas) está a antena-radar de seguimento marítimo de Fisterra. Ten unha altitude de 530m sobre o nivel do mar e pode considerarse “o balcón da Costa da Morte”. A súa vista abrangue os montes de Malpica, Corme, Laxe, Camelle, o Faro Vilán de Camariñas, os montes de Touriñán, o Cabo Fisterra, os montes de Buxantes, o monte Pindo, a serra do Barbanza, o encoro da Fervenza, o val de Terra de Soneira, a comarca do Xallas e os montes da Ruña en Mazaricos.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

As vivendas anteriores ao século XX estaban construidas con mampostería de pedra ao descuberto que lindaban co curro, un espazo cuberto con toxos coñecido como cañeiras que daban acceso á casa principal a través dunha ou de dúas portas de madeira con media folla. As ventás eran de pequenas dimensións e, a maioría das veces,sen cheminea para a saída do fume da lareira.

Normalmente tiña algún tragaluz a media altura que, mediante unha rampa de madeira, servía de entrada e saída ao galiñeiro. Tamén soían ter, empotradas nos seus muros, lacenas-colmeas para as abellas. Non tiñan luz eléctrica nin aseos internos.

Casas

A cociña estaba formada pola lareira, co seu forno de pedra, a veces unha despensa e lacenas empotradas no muro. A pía de lavar a louza era de pedra e estaba sempre pegada á ventá da cociña.

Destacaba tamén a cuadra na que se separaban as crías dos animais adultos. Na pranta alta, con chan de madeira, tamén coñecido como o sobrado, estaba a habitación matrimonial, case sempre situada sobre a cuadra para recibir a calefacción animal. Tamén estaban as outras habitacións máis pequenas divididas con taquiques de madeira.

Con relación ás casas no Concello de Dumbría, cabe falar de:

  • A Casa da Familia Leis, na parroquia de Santa Baia de Dumbría, destaca principalmente pola súa fachada asoportalada con arcos de medio punto rebaixados e con dez fiestras na planta superior.
  • A Casa de Cándido ou o Pazo de Vista Alegre, na parroquia de Santiago de Berdeogas, destaca por ser unha construcción de carácter pacego do s.XVIII.
  • A Casa do Leiteiro, na parroquia de Santiago de Berdeogas, destaca por posuír un reloxo de sol feito en cantería que se sitúa na esquina da edificación, así como un escudo de armas de catro cuarteis na fachada principal e unha chimenea de grandes proporcións.
  • A Vivenda en Dumbría, na parroquia de Santa Baia de Dumbría, destaca por ser unha casa tipicamente coruñesa, na que o mundo rural e o urbano danse a man.
  • A Casa da Vacariza, na parroquia de Santiago de Berdeogas, destaca pola súa fachada. A porta de entrada aparece lixeiramente desprazada do centro e sobre ela colócase unha fiestra con lintel moldurado e con decoración a base de bolas. Ao seu carón, outra fiestra, esta de dobre aquivolta. Entre elas, hai un tríptico labrado na pedra que representa tres figuras de animais.
  • A Casa de Sendón, na parroquia de Santiago de Berdeogas, destaca pola súa transformación a través das influencias que recibe da arquitectura culta, as fiestras, os balcóns e os miradoiros.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

No Concello de Dumbría temos varias mostras de arte espalladas polo territorio municipal, entre as que cabe destacar:

 

GOLFIÑO

GOLFIÑO

Trátase dunha obra escultórica feita en ferro, un golfiño saltando a través dun gran arco. É obra do artista madrileño afincado na Coruña Enrique Saavedra Chicheri, froito do encargo da Demarcación de Costas en 1995. Está situada no paseo marítimo do Ézaro (Dumbría).

Enrique Saavedra Chicheri: «Es un entorno muy bonito, por lo que para mí fue bastante fácil inspirarme. La situación es la idónea».

 

BICICLETAS

BICICLETAS

Esta obra escultórica está situada no miradoiro do Ézaro e xurdiu para lembrar o paso de La Vuelta España 2012, na que este enclave foi final de etapa; feito que se repetíu en 2016 e que formou parte doutra en 2013.

 

PRAZA DO CONCELLO

PRAZA DO CONCELLO

O Concello de Dumbría foi dos primeiros da Costa da Morte en contar cunha praza adicada a súa propia historia, na que teñen cabida a través de paneis os feitos e os acontecementos máis relevantes dos municipio. Está situada en Dumbría, en fronte ao edificio municipal.

Nela, ocupa un lugar destacado Máximo Ingilde Maceiras, un veciño de Olveiroa, que deixou a súa vida fronte a unha brigada alemana no Pirineo francés.

Con esta praza trátase de darlle homenaxe a quen estivo olvidado e loitou pola liberdade, porque quen descoñece a historia corre o perigo de repetila.

 

ANTIGA OFICINA DE TURISMO

ANTIGA OFICINA DE TURISMO

Este edificio que semella unha antiga cámara de fotos está situada a carón do CIR Monte Pindo e Fervenza do Ézaro, no Ézaro (Dumbría). Antigamente acollía a oficina de turismo, pero debido ao gran incremento turístico dos últimos anos a nova oficina de turismo está no entorno da Fervenza do Ézaro. Na actualidade é unha obra escultórica a carón do areal do Ézaro.

 

CADROS NO TANATORIO

Dende o ano 2013, no tanatorio municipal situado en Estimán (Dumbría) expóñense tres cadros do pintor madrileño con residencia en Buxán (Dumbría) Ángel Orcajo.

CADROS NO TANATORIO

 

CADROMURAIS EN OLVEIROA

No lugar de Olveiroa (Dumbría), lugar de paso do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía, poden apreciarse dende setembro de 2010 uns cadromurais feitos polo pintor de Cangas, Raúl Velloso. Son espazos e arquitectura do pasado e do presente que a xente da aldea valora porque a través destas accións patrimonializadoras entenden que están expresando cara o exterior algo sobre o seu pobo e sobre eles mesmos.

CADROMURAIS EN OLVEIROA

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo #DumbríaéArte