Pasar al contenido principal

Abril é o mes dos libros, e dende as bibliotecas do concello temos preparadas varias actividades de animación á lectura para conmemorar o próximo 23 de abril o día Internacional do Libro e os dereitos de autor

Para celebrar este día quixemos contar coa  testemuña do autor do libro sobre o Concello de Dumbría“El Ayuntamiento de Dumbría : historia, tradiciones y costumbres”, editado pola Deputación da Coruña no ano 2009 .
Trátase de Modesto García Quintáns, natural de Vilar, na parroquia dumbriesa de Buxantes.

 – É o primeiro libro editado que recolle toda a historia, demografía, etnografía e tantos outros datos do concello. E, por riba, escrito por un dumbriés. É toda unha honra..

Creo que si, non só para min, como autor, senón para tódolos veciños de Dumbría. Nesta obra recóllese parte dos costumes e tradicións dos nosos antepasados, que se conservaron de forma verbal e que na actualidade se están perdendo polo novo modelo de sociedade na que vivimos.

– Creo que es a primeira persoa do noso concello que ten un libro publicado..

Descoñezo se existe algún outro autor de libros que sexa do concello de Dumbría, polo menos destas características. O que si existen son folletos de carácter turístico.

– O teu libro é froito de moitos anos de recopilación e traballo. Na introdución dis que comezas en torno a 1979. Iso son máis de 20 anos de traballo.

Todo comezou cando estaba no Bacharelato en Cee. O único  entretemento que tiñamos era falar coas persoas maiores, que contaban historias que me gustaban e, para non esquecelas, decidín apuntalas nunha libretiña que sempre levaba no peto. Tratei de ordenalas  por temas e, ao mesmo tempo, comecei a investigar documentos vellos que os veciños me prestaban, ir aos arquivos parroquiais, ao concello e aos organismos oficiais, entre eles o Arquivo do Reino de Galicia. Rematada a obra no ano 1999, non lograba que algún organismo a publicara, ata o ano 2004, por medio da Deputación Provincial, coa intermediación do Concello. A obra orixinal era moito máis completa, xa que fala individualmente de tódolos lugares do concello, pero para que fora menos custosa e menos aburrida quedou reducida á metade.

– Din que se tende a valorar máis un lugar cando non vives nel, foi ese o teu caso?           

No meu caso, que nacín na parroquia de Buxantes, estiven por motivos profesionais fóra de Galicia uns dez anos, pero tódolos veciños de Dumbría me coñecen. Tódolas fins de semana atópanme pola  parroquia onde me criei.

– Cal é o teu lugar favorito de Dumbría?.           

Tódolos lugares de Dumbría teñen o seu encanto. No meu caso, tírame máis a parroquia de Buxantes porque coñezo todo o seu territorio como tódolos rincóns da miña casa.

– Ademais deste libro, tes algunha outra publicación?           

Si, teño máis. Unha delas é o “Roteiro telefónico do Concello de Dumbría,” publicado no ano 2001, moi utilizado como guía polos veciños para localizar, por alcumes, tanto o teléfono como a casa-vivenda. Na actualidade atópase esgotada e sería interesante poder sacar unha nova tirada actualizada.  Outro libro que tamén publiquei é o “Inventario do Patrimonio Relixioso da Parroquia de Buxantes” no ano 2006, correndo cos gastos da publicación eu mesmo. Teño pendente de publicar a “Historia da Capela das Neves de Buxantes”, dunhas 100 páxinas. Outro texto tamén moi interesante para o concello é “Toponimia menor do Concello de Dumbría”, no que están recopilados máis de 6.000 nomes de paraxes das sete parroquias de Dumbría, xeorreferenciadas en coordenadas UTM. Outra das obras na que estou a traballar é a de “Paradoxas e Ditos Populares”, onde están recopiladas máis de 1.500 frases filosóficas. Estes proxectos, moi avanzados, están á espera de que algún organismo poida publicalos.

– Neste tempo de crise estase a falar moito do momento que vive a cultura, ti que opinas? Non a coidamos o suficiente? É importante ou consideras que debería situarse nun segundo plano?           

A cultura é coma a carta de presentación, sexa a nivel de país ou a nivel persoal. Hoxe en día estamos nunha sociedade moi diferente a cando nos criamos alá polos anos 50 do século pasado, onde abondaba o anafalbetismo. A informática revolucionou todo e temos que camiñar con esta tecnoloxía.

– Que che parece  a dixitalización de materias (libros, arquivos sonoros, imaxes) e que toda esta información sexa accesible nas redes?        

Eu creo que é bo que circule polas redes todo este tipo de información porque enriquece o coñecemento. Pero non debemos esquecer que se deben respectar os dereitos de autor.

– Usas as redes sociais? Que opinión che merecen?         

É un medio moderno de adquirir e enviar información ao instante. Pero, de momento, está limitado aos coñecedores destas tecnoloxías. A xente maior está moi limitada por non saber manexalas.

– Os libros son para estar nas bibliotecas ou para estar ó alcance de todos?           

Creo que os libros que están nas bibliotecas están xa ao alcance de todos. O problema está no seu uso. As persoas maiores da aldea non teñen o costume de ir ás bibliotecas, e desde que puxeron o teléfono e apareceu a televisión, tanto ler como escribir supón un gran esforzo mental para moitas persoas. Para fomentar a lectura na casa das persoas de idade, creo que teñen que ser obras con letras grandes, moitas fotos e con temas que revivan a súa infancia. Neste caso, o meu libro sobre Dumbría penso que cumpre ese obxectivo.

– En que estás a traballar nestes momentos?          

Estou dándolle os últimos retoques á toponimia de Dumbría.

– Aparte dos que xa tes editados, que outro libro che gustaría escribir?         

A min gústanme os temas que estean relacionados co concello de Dumbría. Se algún organismo se comprometera a sufragar os gastos ampliaría o contido polo miúdo do libro xa publicado.

– Estás lendo algún libro agora?        

 Neste momento estou lendo un documento moi antigo de finais do ano 1600, cóstame moito traballo pola súa rara caligrafía. E dentro de pouco irei investigar á biblioteca diocesana de Santiago.

 

Gracias Modesto por esta entrevista

Concello de Dumbría é un municipio extenso que se distribúe en sete parroquias: Santiago de BerdeogasSan Pedro de BuxantesSanta Baia de DumbríaSanta Uxía do ÉzaroSan Martiño de OlveiraSantiago de Olveiroa e San Mamede de Salgueiros.

A pesares de seren 7 as parroquias do concello, conta con 10 santuarios relixiosos repartidos polo seu territorio.

Toda unha “experiencia relixiosa” como diría Enrique Iglesias

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

Unha boa parte da historia do Concello de Dumbría pódese reconstruir a través dos seus restos arqueolóxicos achados nas terras das sete parroquias que o compoñen.

Se nos remontamos aos primeiros habitantes, estes eran de orixe “celta”, que se asentaron en lugares protexidos, principalmente nas beiras dos ríos ou nos cumios das montañas.

Algúns estudiosos afirman que o topónimo “DUMBRÍA” procede da combinación de palabras “DUM-BRIGA”, de orixe prerromana e que significa “poboado en altura”.

#DumbríaéCultura #DumbríaéHistoria #DumbríaéArqueoloxía

O contido da expresión “patrimonio cultural” cambiou moito nestas últimas décadas debido, en parte, aos instrumentos elaborados pola UNESCO. O patrimonio cultural non se limita a monumentos e coleccións de obxectos, senon que comprende tamén tradicións ou expresións vivas herdadas dos nosos ancestros e transmitidas aos nosos descendentes; tales como: tradicións orais, artes do espectáculo, usos sociais, rituais, actos festivos, coñecementos e prácticas relativos á natureza e ao universo, así como os saberes e as técnicas vencellados á artesanía tradicional.

Pese á súa fraxilidade, o patrimonio cultural inmaterial é un importante factor do mantemento da diversidade cultural fronte á crecente globalización. A comprensión do patrimonio cultural inmaterial de diferentes comunidades contribúe ao diálogo entre culturas e promove o respecto cara outros modos de vida.

Fonte: UNESCO (Organización de las Naciones Unidas para la Educación, la Ciencia y la Cultura) – Patrimonio Cultural Inmaterial.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

Primeiro cabe falar do termo etnografía consistente no método de estudo ou investigación social empregado pola antropoloxía, na que se observan prácticas culturais de grupos sociais, que dan conta das súas tradicións e culturas.

As distintas construccións do mundo popular no Concello de Dumbría sitúanse, por regra xeral, arredor das rúas, conformando así núcleos de poboación longos, seguindo os sinuosos camiños que discorren por estas terras.

Pois sobre isto versa este apartado, o estudo de elementos como cruceiros, muíños, fontes, pombais, hórreos,… no termo municipal de Dumbría.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

É ampla a oferta patrimonial de carácter civil no Concello de Dumbría, destacando entre os princiapais fitos as casas antigas, as pontes, as centrais hidroeléctricas,…

Toda unha oferta diferente para gozar unha vez máis deste concello!

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

As instalacións deportivas Municipais do Conco en Dumbría, son un referente a nivel Comarcal e Autonómico, non só por ser boas e axeitadas, se non tamén pola súa actividade diaria.

Deporte preto da túa casa.

 

> Polideportivo Municipal do Conco - Dumbría

  • Campo de fútbol de herba sintética con medidas de 105/60m.
  • Piscina descuberta con medidas de 25/125m.
  • Ximnasio municipal
  • Polideportivo Municipal
  • Sala de actividades dirixidas
  • Sala de ciclo indoor
  • Sala de Crossfit
  • 6 vestiarios
  • Circuito de ciclo cross
  • Cafetería

> Campo de Slalom Olímpico do Couquiño en Olveira.

> Ximnasio Municipal de Olveira.

> Pista de padel do Ézaro.

> Pistas polideportivas descubertas en todas as Parroquias do Concello.

> De forma eventual nos meses de xullo e agosto a praia do Ézaro dispón de 3 campos de volei praia.

> Piscina municipal

  • A piscina municipal está situada no Conco, Dumbría, e está a disposición da veciñanza durante os meses de verán no seguinte horario:
  • De luns a sábado: de 16:00 a 20:00h

Ademáis das actividades deportivas que Dumbría ofrece ao longo de todo o ano, tamén temos eventos anuais que xa son un clásico e un referente na Costa da Morte, son eventos a nivel nacional e internacional do mundo do deporte. Pensados para todos.

Andaina

Ruta Cicloturista BTT

Campionatos de Pesca

Carreira Popular: 26/05/2018

Memorial Manuel Andujar: 09/06/2018

Gran Fondo Ézaro: 08/07/2018

30º Campionato de España Xuvenil e Junior de Salvamento Deportivo. 14-15/07/2018

Deporcampus Dumbría. 16-20/07/2018

Campionato Cadete de España de Volei Praia. 27-29 /07/2018

Campionato Galego de Volei Praia. 4-5/08/2018

Campionato Galego de Promoción de Slalom En Augas Bravas. 12/08/2018

Campionato Galego de Slalom Olímpico. 02/09/2018

27º Campionato de España de Salvamento Deportivo. 22-23/09/2018