Ir o contido principal

Dumbría en igualdade: III Plan de Igualdade do Concello de Dumbría 2026 - 2030

Miniatura Noticia

O Concello de Dumbría presenta o III Plan Estratéxico para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes (2026–2030), unha folla de ruta que marca o camiño para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, diversa e libre de discriminacións.

A igualdade non é só un obxectivo institucional, senón un compromiso colectivo que implica a toda a comunidade. Por iso, este plan nace coa vontade de seguir impulsando políticas públicas que garantan dereitos, oportunidades e benestar para todas as persoas.

Un plan para actuar

O III Plan de Igualdade estrutúrase arredor de diferentes liñas estratéxicas que orientan as accións municipais nos vindeiros anos:

  • Igualdade en todas as políticas municipais, incorporando a perspectiva de xénero na acción pública, promovendo a formación do persoal e impulsando unha comunicación inclusiva e non sexista. 

  • Participación e apoderamento, fomentando a presenza das mulleres en todos os ámbitos, promovendo o pensamento crítico e apoiando o emprego, o liderado e a autonomía. 

  • Coidados e corresponsabilidade, poñendo en valor os coidados, promovendo servizos de conciliación e apoiando ás persoas coidadoras. 

  • Loita contra a violencia machista, mediante accións de prevención e sensibilización, promoción de relacións igualitarias e atención e protección ás vítimas. 

Este enfoque integral permite abordar a igualdade desde distintos ámbitos, entendéndoa como unha cuestión transversal que afecta ao conxunto da sociedade.

Un compromiso compartido

A igualdade constrúese con accións, pero tamén co compromiso de todas as persoas, desde as institucións ata o día a día da cidadanía.

O III Plan de Igualdade é unha ferramenta para avanzar, pero o cambio real só é posible coa implicación de toda a veciñanza.

Participa

O Concello de Dumbría anima a toda a cidadanía a coñecer o plan e a formar parte deste proxecto común.

Podes consultar o III Plan de Igualdade completo na web municipal, no apartado de Servizos Sociais – Área de Igualdade.

Para facer achegas ou resolver dúbidas, escríbenos a: igualdade.dumbria@gmail.com

Abril de Libros nas Bibliotecas de Dumbría

Miniatura Noticia
Continúa 𝐀𝐛𝐫𝐢𝐥 𝐝𝐞 𝐋𝐢𝐛𝐫𝐨𝐬 nas 5 bibliotecas do concello de Dumbría
Chegan máis actividades culturais para gozar das nosas bibliotecas e celebrar xuntos o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor e que programamos a través do 𝐋𝐞𝐫 𝐂𝐨𝐧𝐭𝐚 𝐌𝐨𝐢𝐭𝐨, da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
 
Todos os obradoiros son gratuítos e precisan de reserva de praza.
𝐒𝐨𝐥𝐢𝐜𝐢𝐭𝐮𝐝𝐞 𝐝𝐞 𝐩𝐫𝐚𝐳𝐚𝐬 𝐜𝐮𝐛𝐫𝐢𝐧𝐝𝐨 este 𝐟𝐨𝐫𝐦𝐮𝐥𝐚𝐫𝐢𝐨
 
Unha vez enviada a solicitude, contactaremos confirmando se tes praza ou se estás na lista de espera (lembra consultar a bandexa de spam)
Se obtés praza e non vas acudir, rogamos que deas resposta a ese correo de confirmación renunciando, para que así poida aproveitar a actividade outro/a neno/a

45.074 visitantes na Oficina de Turismo do Ézaro durante o ano 2025

Miniatura Noticia
  • OFICINA DE TURISMO (OIT) DO ÉZARO

En 2025 atendeuse a un total de 45.074 visitantes na Oficina de Turismo do Ézaro, un aumento do 12,78% con respecto ao ano anterior. Os meses de maior afluencia foron os de tempada estival: xullo, agosto e setembro; testemuñando así a acusada estacionalidade turística de Galicia.

O perfil do visitante atendido na OIT O Ézaro correspóndese con excursionistas que viaxan en grupo, parellas e familias. 

Con respecto á procedencia varía en función da época do ano. 

As procedencias máis habituais das que si temos datos son:

Galicia: provincias de A Coruña e Pontevedra.

Resto de España: Madrid, Andalucía, Castela e León, País Vasco, Navarra e Castela a Mancha.

Resto de Europa: Alemaña, Portugal, Francia e Italia.

Resto do Mundo: México e EEUU.

Os tres días de maior número e visitantes atendidos foi o mércores 20 de agosto con 670 visitantes, o mércores 24 de setembro con 656 visitantes e o martes 16 de setembro con 654 visitantes.

 

  • CENTRO DE INTERPRETACIÓN DE RUTAS (CIR) MONTE PINDO E FERVENZA DO ÉZARO

En 2025, o CIR volveu abrir as súas portasno verán. En canto á procedencia dos visitantes atendidos, o maior número de visitantes que se achegaron ata aquí foron de procedencia nacional, seguidos moi de preto por visitantes galegos.

Un grande éxito foi a celebración, de novo, das rutas guiadas ao Monte Pindo que se celebraron os xoves e sábados de xullo, agosto e setembro, e nas que participaron un total de 232 persoas.

Tras entregárselles un cuestionario de satisfacción ás persoas participantes, estes foron os resultados:

  • 65% soubo das rutas pola redes sociais e por familiares/amizades.

  • 88,5% valoraron coa máxima puntuación (5/5) a organización previa á ruta.

  • 96,2% valoraron coa máxima puntuación (5/5) a atención durante a ruta.

  • Que foi o que máis lles gustou? Pepe do Fieiro, os guías, a organización, a paisaxe e as lendas.

  • 97,4% repetirían a experiencia.

  • 100% queren que se continúen facendo.

  • 89,3% estarían dispostos a pagar por facela.



 

  • CAMIÑO DE SANTIAGO

PUNTO INFORMACIÓN AO PEREGRINO

En 2025, o Punto de Información ao Peregrino volveu abrir tras uns anos pechado. Foron 2.510 os peregrinos atendidos en xuño, xullo e agosto. A meirande parte eran españois (Madrid, Andalucía, Cataluña e Valencia), seguidos por peregrinos europeos (Portugal, Italia, Francia, Reino Unido e Alemaña).

ALBERGUE OLVEIROA

En 2025 foron 3.925 os peregrinos que se aloxaron no Albergue Municipal de Peregrinos de Olveiroa.

 Análise de datos:

  • Mes de maior afluencia de peregrinos: agosto.

  • Sexo predominante: masculino.

  • Rango de idade máis frecuente: 25-44 anos.

  • Procedencia máis habitual: Europa (Italia, Alemaña e Francia).

  • Procedencia do resto do mundo máis habitual: EEUU, Corea do Sur, Brasil, Canadá e Xapón.

ALBERGUE DUMBRÍA

En 2025 foron 1.732 os peregrinos que se aloxaron no Albergue Municipal de Peregrinos do Conco, Dumbría. 

Análise de datos:

  • Meses de maior afluencia de peregrinos: xuño, agosto e maio.

  • Sexo predominante: masculino.

  • Rango de idade máis frecuente: 45-64 anos.

  • Procedencia máis habitual: Europa (Italia, Alemaña, Francia e Portugal).

  • Procedencia do resto do mundo máis habitual: EEUU, Corea do Sur, Canadá e Australia.



*Fotografía no Ézaro de Antonio Armada participante no concurso #DumbríaÉ

 

Abril de Libros nas Bibliotecas de Dumbría. Semana Santa

Miniatura Noticia

Arrancamos o Abril de Libros na Semana Santa organizando distintos obradoiros de promoción da lectura.

  • Manualidades en madeira coa temática da Pascua
  • Encadernación
  • Manualidades de primavera
  • Bibliotecarios/as por un día

Haberá bibliotecas abertas tanto en horario de mañá coma de tarde para favorecer a conciliación das familias dumbriesas. Consultade horarios na imaxe.

 

 

Aula audiovisual dixital de Olveira

Miniatura Noticia

                                                                                                                                                                                                                           

O concello de Dumbría e a Xunta de Galicia, a través do GDR Costa da Morte veñen de implantar unha Aula Audiovisual Dixital na Casa da Cultura En Olveira cun orzamento de 17.908,00€ e unha axuda púlica de 14.254,77€, sendo o 80% da con cofinanciamento da UE.  

Nesta Aula realizaránse presentacións multimedia e vídeos para promover a aprendizaxe. Talleres prácticos onde os participantes crean contidos audiovisuais, como vídeos, podcasts ou presentacións interactivas. Sesións de aprendizaxe colaborativa usando plataformas dixitais e ferramentas de edición audiovisual. Proxeccións e debates sobre temas específicos utilizando recursos dixitais. Avaliacións mediante quizzes interactivos e actividades en liña. Uso de recursos tecnolóxicos: Computadoras equipadas con software de edición de vídeo, audio e presentacións. Proxector e sistema de son para mostrar contidos multimedia. Plataformas educativas en liña para xestionar tarefas, recursos e comunicación. Cámaras e micrófonos para gravación e produción audiovisual.

O material co que conta a Aula é o seguinte:

12 ORDENADORES I5 8GB 240 SSD, PANTALLA 22", TECLADO, RATO, WEBCAM, AURICULARES, MICRO, SISTEMA OPERATIVO WIN 11

1 SERVIDOR

1 TELEVISOR 85”

1 PROXECTOR

1 SOPORTE

1 IMPRESORA LASER

XII Ruta BTT Concello de Dumbría

Miniatura Noticia
O Concello de Dumbría e o Club ciclista Dumbría presentaron a que será a XII ruta BTT Concello de Dumbría.
Celebrarase o domingo 19 de abril e contará con dúas versións, a longa, con 57 km, e a curta e máis popular, de 32 km.
Como novidade para esta edición, as bicicletas eléctricas terán a súa propia categoría.
 
Será unha ruta que rodará por moitos puntos de interese paisaxístico e patrimonial do noso concello. E terá a particularidade de que pasará polas sete parroquias dumbriesas.
 
Inscricións: do 9 de marzo ao 16 de abril a través da plataforma de www.emesports.es
 
#DumbríaéDeporte
 

Galería de imaxes

Casas do Maior

No Concello de Dumbría existen dous recursos de atención diúrna para persoas maiores a través das Casas do Maior, situadas en:

  • Ponte Olveira.
  • Edificio da Bitácora (O Ézaro).

As Casas do Maior son espazos de atención e acompañamento dirixidos a persoas maiores de 60 anos, que ofrecen un servizo de proximidade e atención personalizada en grupos reducidos, favorecendo a permanencia das persoas maiores no seu entorno habitual e o apoio ás familias.

Trátase dun recurso de carácter preventivo e comunitario, orientado a promover:

  • O benestar físico e emocional.
  • A socialización.
  • A calidade de vida das persoas maiores.

Este servizo forma parte do programa Casas do Maior impulsado pola Xunta de Galicia, e desenvólvese no Concello de Dumbría a través de profesionais promotoras do servizo implantadas no territorio.

Servizo de Atención Temperá

Logo sat

O Servizo de Atención Temperá é un servizo especializado dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos que presentan trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos, así como ás súas familias e ao seu contorno, coa finalidade de favorecer o desenvolvemento infantil e mellorar a súa calidade de vida.

O servizo ofrece unha intervención integral e coordinada que inclúe:

  • Resposta temperá ás necesidades transitorias ou permanentes da infancia.
  • Promoción da detección precoz das dificultades.
  • Intervención profesional no momento máis axeitado para minimizar efectos no desenvolvemento.
  • Apoio ás familias no proceso de atención e acompañamento.

O servizo préstase mediante convenio de colaboración entre os Concellos de Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas, contando con puntos de atención no Concello de Dumbría e no Concello de Vimianzo.

O acceso ao servizo realizarase de acordo cos procedementos e criterios establecidos na normativa vixente.

Agrupación concellos

Programa de aloxamento alternativo

No caso das persoas que, por circunstancias persoais, familiares ou sociais, se atopen nunha situación de necesidade habitacional e non poidan permanecer no seu domicilio habitual, lévanse a cabo actuacións de información, orientación, valoración e derivación aos recursos máis axeitados, de acordo coa situación específica de cada persoa.

Estas actuacións teñen como finalidade:

  • Facilitar o acceso a recursos de aloxamento existentes noutras administracións públicas.
  • Derivación a entidades sociais cando resulte necesario como medida de protección.
  • Atención ante situacións de risco ou exclusión social.

O programa contribúe a dar resposta a situacións de emerxencia ou necesidade habitacional, garantindo a atención social e o acompañamento profesional das persoas que se atopen nesta situación.

Actuacións específicas de prevención e inserción

Dende o programa de Actuacións específicas de prevención e inserción desenvólvense accións de carácter preventivo e comunitario orientadas a promover a inclusión social, a participación cidadá e a mellora da calidade de vida da poboación.

O programa inclúe as seguintes liñas de acción:

  • Accións de animación comunitaria abertas á poboación en xeral.
  • Apoio á inserción sociolaboral.
  • Actividades de ocio e tempo libre educativo.
  • Outras iniciativas de carácter social e comunitario.

Así mesmo, desenvólvense actuacións dirixidas á atención e acompañamento de persoas e grupos que presentan especiais dificultades de integración social, co obxectivo de previr situacións de risco ou exclusión social e favorecer procesos de inclusión.

As actuacións realízanse a través de intervencións individuais, grupais e comunitarias, en coordinación cos recursos sociais e comunitarios existentes.