Ir o contido principal

Modesto García Quintáns

Miniatura Noticia

Abril de 2012

Abril é o mes dos libros, e dende as bibliotecas do concello temos preparadas varias actividades de animación á lectura para conmemorar o próximo 23 de abril o día Internacional do Libro e os dereitos de autor

Para celebrar este día quixemos contar coa  testemuña do autor do libro sobre o Concello de Dumbría“El Ayuntamiento de Dumbría : historia, tradiciones y costumbres", editado pola Deputación da Coruña no ano 2009 .
Trátase de Modesto García Quintáns, natural de Vilar, na parroquia dumbriesa de Buxantes.

            - É o primeiro libro editado que recolle toda a historia, demografía, etnografía e tantos outros datos do concello. E, por riba, escrito por un dumbriés. É toda unha honra..

          Creo que si, non só para min, como autor, senón para tódolos veciños de Dumbría. Nesta obra recóllese parte dos costumes e tradicións dos nosos antepasados, que se conservaron de forma verbal e que na actualidade se están perdendo polo novo modelo de sociedade na que vivimos.

            - Creo que es a primeira persoa do noso concello que ten un libro publicado..
            Descoñezo se existe algún outro autor de libros que sexa do concello de Dumbría, polo menos destas características. O que si existen son folletos de carácter turístico.

            - O teu libro é froito de moitos anos de recopilación e traballo. Na introdución dis que comezas en torno a 1979. Iso son máis de 20 anos de traballo.
            Todo comezou cando estaba no Bacharelato en Cee. O único  entretemento que tiñamos era falar coas persoas maiores, que contaban historias que me gustaban e, para non esquecelas, decidín apuntalas nunha libretiña que sempre levaba no peto. Tratei de ordenalas  por temas e, ao mesmo tempo, comecei a investigar documentos vellos que os veciños me prestaban, ir aos arquivos parroquiais, ao concello e aos organismos oficiais, entre eles o Arquivo do Reino de Galicia. Rematada a obra no ano 1999, non lograba que algún organismo a publicara, ata o ano 2004, por medio da Deputación Provincial, coa intermediación do Concello. A obra orixinal era moito máis completa, xa que fala individualmente de tódolos lugares do concello, pero para que fora menos custosa e menos aburrida quedou reducida á metade.

            - Din que se tende a valorar máis un lugar cando non vives nel, foi ese o teu caso?           

No meu caso, que nacín na parroquia de Buxantes, estiven por motivos profesionais fóra de Galicia uns dez anos, pero tódolos veciños de Dumbría me coñecen. Tódolas fins de semana atópanme pola  parroquia onde me criei.

            - Cal é o teu lugar favorito de Dumbría?.           

Tódolos lugares de Dumbría teñen o seu encanto. No meu caso, tírame máis a parroquia de Buxantes porque coñezo todo o seu territorio como tódolos rincóns da miña casa.

            - Ademais deste libro, tes algunha outra publicación?           

Si, teño máis. Unha delas é o “Roteiro telefónico do Concello de Dumbría,” publicado no ano 2001, moi utilizado como guía polos veciños para localizar, por alcumes, tanto o teléfono como a casa-vivenda. Na actualidade atópase esgotada e sería interesante poder sacar unha nova tirada actualizada.  Outro libro que tamén publiquei é o “Inventario do Patrimonio Relixioso da Parroquia de Buxantes” no ano 2006, correndo cos gastos da publicación eu mesmo. Teño pendente de publicar a “Historia da Capela das Neves de Buxantes”, dunhas 100 páxinas. Outro texto tamén moi interesante para o concello é “Toponimia menor do Concello de Dumbría”, no que están recopilados máis de 6.000 nomes de paraxes das sete parroquias de Dumbría, xeorreferenciadas en coordenadas UTM. Outra das obras na que estou a traballar é a de “Paradoxas e Ditos Populares”, onde están recopiladas máis de 1.500 frases filosóficas. Estes proxectos, moi avanzados, están á espera de que algún organismo poida publicalos.

            - Neste tempo de crise estase a falar moito do momento que vive a cultura, ti que opinas? Non a coidamos o suficiente? É importante ou consideras que debería situarse nun segundo plano?           

A cultura é coma a carta de presentación, sexa a nivel de país ou a nivel persoal. Hoxe en día estamos nunha sociedade moi diferente a cando nos criamos alá polos anos 50 do século pasado, onde abondaba o anafalbetismo. A informática revolucionou todo e temos que camiñar con esta tecnoloxía.

            - Que che parece  a dixitalización de materias (libros, arquivos sonoros, imaxes) e que toda esta información sexa accesible nas redes?        

Eu creo que é bo que circule polas redes todo este tipo de información porque enriquece o coñecemento. Pero non debemos esquecer que se deben respectar os dereitos de autor.

            - Usas as redes sociais? Que opinión che merecen?         

É un medio moderno de adquirir e enviar información ao instante. Pero, de momento, está limitado aos coñecedores destas tecnoloxías. A xente maior está moi limitada por non saber manexalas.

            - Os libros son para estar nas bibliotecas ou para estar ó alcance de todos?           

Creo que os libros que están nas bibliotecas están xa ao alcance de todos. O problema está no seu uso. As persoas maiores da aldea non teñen o costume de ir ás bibliotecas, e desde que puxeron o teléfono e apareceu a televisión, tanto ler como escribir supón un gran esforzo mental para moitas persoas. Para fomentar a lectura na casa das persoas de idade, creo que teñen que ser obras con letras grandes, moitas fotos e con temas que revivan a súa infancia. Neste caso, o meu libro sobre Dumbría penso que cumpre ese obxectivo.

            - En que estás a traballar nestes momentos?          

Estou dándolle os últimos retoques á toponimia de Dumbría.

            - Aparte dos que xa tes editados, que outro libro che gustaría escribir?         

A min gústanme os temas que estean relacionados co concello de Dumbría. Se algún organismo se comprometera a sufragar os gastos ampliaría o contido polo miúdo do libro xa publicado.

            - Estás lendo algún libro agora?        

 Neste momento estou lendo un documento moi antigo de finais do ano 1600, cóstame moito traballo pola súa rara caligrafía. E dentro de pouco irei investigar á biblioteca diocesana de Santiago.

Gracias Modesto por esta entrevista

Pepe do Fieiro

Miniatura Noticia

ENTREVISTA A PEPE DO FIEIRO: 13.03.2019

 - Sei que de neno ía coas cabras ao monte. Cando foi a primeira vez que subiu ao Monte Pindo coas cabras? Qué idade tiña? Qué lembra desa experiencia?  - Non me recordo, pero seguramente sería no ano 1941-42, eu era neno e tería sobre uns 7 anos. Lémbrome que íamos os compañeiros do lugar, eles eran maiores que min. Pasábamos o día buscando polos tesouros que nos contaban os nosos avós, os que deixaran os habitantes do monte, os que se lles coñecían como “os mouros”.  - Qué facía para pasar o tempo mentres estaba coas cabras no monte? - Xogábamos, vixiábamos as cabras e buscábamos as cabanas onde se refuxiaban durante a Guerra Civil.  - Fíxolle algunha vez o remedio do “formiguiño” a algún animal? - Non, eu non o fixen nunca. Pero recordo verllo facer aos veciños do pobo. Facíanllo ás vacas que tiñan unha enfermidade nas patas, nos cascos das patas. Mirábaselle primeiro se tiñan as chatolas das zocas cravadas nas patas, pero se non as tiñan e coxeaban, dicíaselle que tiñan o mal do “formighiño”. Levábase a vaca ao campo, arredor do casco marcábase, arrancábase nove veces o terrón onde estivo o casco da pata da vaca e púñase na lareira, para que fose ardendo pouco a pouco. Ao arder o terrón, a vaca curaba e deixaba de coxear.  - Cómo foi a súa etapa de nenez? Cómo a recorda? - Recordo unha época feliz porque no monte pasabámolo moi ben, aínda que non comíamos en todo o día porque marchabamos á mañá da casa e ata a noite non volvíamos. Enredábamos, brincábamos uns cos outros, saltábamos as pedras a ver quen subía máis alto … - Nunha época na que estudar non era o habitual nin estaba ao alcance de calquera; por qué decidiu estudar maxisterio? - Iso foi a raíz de haber quedado sen as cabras no monte, porque foron expulsadas pola forestal aproximadamente no ano 1950. Entón ao non poder coidar as cabras, mi padre díxome se quería ir estudar. Fun a Santiago estudar bacharelato e logo maxisterio. Escollín maxisterio porque me gustaba moito ensinar, gustábame ensinar aos rapaces. - Seu pai atopou unha xerra no monte, que na actualidade está no Museo do Pobo Galego. Algunha vez atopou vostede un tesouro no Monte Pindo? - Non, que recorde eu non atopei nunca nada. Para min a xerra que atopou mi padre é un tesouro; unha xerra que foi construída antes do s.XV e que apareceu no ano 1950, cinco séculos despois. - Quizais non atopou un tesouro; pero pode que dera cun descubrimento que poucos coñecen. Cál foi? - Si, esa cruz atopeina fai pouco tempo. Haberá un par de anos. Un día de casualidade, despois de arder o monte, porque esa cruz estaba tapada con maleza. Mi padre, que me ensinou moitas cousas do monte, nunca me falou desa cruz, así que el non debía saber dela. - Encántalle subir ao monte, mellor acompañado que só e se é como guía mellor aínda. Cando foi a súa primeira vez como guía levando xente ao Monte Pindo? - Si, só non me gusta ir. A primeira vez foi un verán que vin de vacacións estando en Londres, aproximadamente no ano 1980. - Lembra algunha anécdota que lle pasara no monte a vostede ou con alguén? - A primeira anécdota pasoume cando tiña aproximadamente uns 8 anos e estaba coas cabras no monte. Penso que era no verán, ese día fora mi padre e meu irmán ao monte, porque meu irmán atopara un filón de wolframio para ensinarllo a meu pai. Ese día estábamos no alto da moa, eles foran ver a mina que quedaba algo lonxe do alto da moa, cara Carnota, mentres eu quedaba coas cabras. Facía bo tempo, pero comezou a pechar de borraxeira e perdémonos as cabras e máis eu. No medio do camiño atopeime con meu pai e meu irmán, cando eu ía camiño de Carnota pensando que ía polo camiño da casa. Se non fora por eles seguramente iría dar a Carnota. - Agora dedícase a facer vídeos en directo en facebook para transmitir as súas poesías sobre o Olimpo Celta, poesías que tamén soe ler nas rutas ao monte. Cando comezou a escribilas? - Estas poesías comecei a escribilas, creo que foi no ano 2012. Como xa estaba na casa xubilado e non tiña moito que facer, comecei a escribir poesías sobre o Monte Pindo cun fin. Para que se recorden os nomes; para que os nomes se coñezan escribo versos explicativos co fin de que non se perdan. Aínda que estes nomes cambian segundo a xente sexa do Pindo, do Ézaro, do Fieiro,… - Qué é o que máis lle gusta do Monte Pindo? - Do Monte Pindo gústame todo, pero en realidade o que máis me gusta do Monte Pindo son a Moa e Peñafiel. Tamén me gusta a Casa da Xoana porque moitos que van ao Monte Pindo non van alí. O que máis a Moa e Peñafiel porque son uns bos miradoiros, pero non podería escoller cal dos dous me gusta máis (risas). - Por qué lle atrae tanto o monte? Por qué sinte esa paixón polo Monte Pindo? - Creo que foi porque o pasei ben cando fun de rapaz e porque coñezo todos os recunchos do monte, era o parque, a distracción que tiñamos. - Qué é o que máis botaba en falta cando estivo emigrado no Reino Unido? - Cando estaba en Londres botaba en falta unha visita que lle debía facer a unhas eguas que tiña no monte. Cando viña de vacacións, que viña todos os anos no verán; o mes que traía de vacacións pasábao no monte coas eguas. - Qué lle gustaría que cambiase no monte? E o que non cambiase? - Por unha parte, gustaríame que o monte volvera a como era antes. O monte encheuse de maleza. O máis triste para min foi ver o monte abandonado e logo queimado como está queimándose de vez en cando de poucos en poucos anos. Gustaríame ver o monte coidado e os sendeiros limpos. Gustaríame que cambiase para que se conservase limpo, sen maleza. - Cómo se imaxina o Monte Pindo no futuro? - Ao paso que vai, será un bosque de maleza. - Qué lle gusta máis: o Monte Pindo pola mañá, pola tarde ou de noite? - Gústame de calquera forma e en calquera momento. Gústame de día cando está despexado. Gústame pola mañá cando o sol sae e pola noite cando se mete o sol no mar, na posta de sol. Tamén me gusta ir de noite ver os fogos artificiais, na véspera do Apóstolo Santiago, pero ten que ser cando está a noite clara. No ano 2010, creo que foi cando fun por primeira vez ver os fogos do Apóstolo porque miña filla preguntoume si se verían e fomos velos con outros amigos. - Cal é o seu soño? Qué lle gustaría facer? Qué lle gustaría ter feito? - A min o que me gustaría é ver os sendeiros limpos, para que os turistas poidan subir e baixar sen perderse. - O seu currículo é extenso: foi cabreiro, mestre, limpador, guía, poeta e agora tamén un gran asiduo ás redes sociais. Vostede que viviu moitos cambios ao longo da súa vida e que está modernizado, qué é o que máis lle sorprende? O que nunca pensou que hoxe sexa unha realidade. - A min o asunto este do ordenador paréceme unha cousa milagrosa. Na década dos 50 falábase de que ía vir a televisión, que en España aínda non a había. Cando estaba estudando, unha profesora miña de literatura díxonos que algún día chegaríamos a andar co teléfono no peto … eu pensaba que cómo íamos facer co cordón? Penso que ela non chegou a velo, pero nós estámolo vendo. - Cómo aprendeu a utilizar o ordenador? Ensinoulle alguén? - Aínda non o sei utilizar. Pero apunteime a un curso de ordenadores na Casa de Cultura do Ézaro e algo aprendín alí. Logo comprei un ordenador e fun probando na casa. Para o meu uso manéxoo o suficiente. - E as redes sociais? - Non, non. Aprendín eu. “Clickes aquí e clickes alí”. O ordenador mesmo che vai guiando e vaiche explicando como hai que ir facendo. Todo un persoeiro que ben paga pena coñecer... Graciñas pola entrevista e por colaborar co Concello de Dumbría sempre que precisamos contar con vostede! Pepe-do-Fieiro-co-seu-libro-Foto-Raquel-Castro-Rodriguez Pepe do Fieiro: o Neno que soñaba coa montaña:

ENTREVISTA EN VÍDEO:

Aula de Natureza de Vilafernández

Miniatura Noticia

A Área Recreativa de Vilafernández presume de estar nun enclave espectacular, nunha paraxe inigualable, á beira do encoro da Fervenza.

Este aula de natureza conta cun parque infantil, un refuxio con lareiras (exterior e interior) á disposición de calquera usuario previa reserva nas oficinas municipais do Concello de Dumbría e sen custe. Ademais, dispón de aseos, zona de merendeiro e varios puntos de observación de aves.

Un lugar ideal para pasar en familia, cos amigos, para ir de pesca ou para observar as aves.

Os amantes do turismo orinolóxico teñen aquí un recunchiño onde gozar das especies autóctonas e migratorias ao seu paso polo encoro da Fervenza.

[googlemaps https://www.google.com/maps/embed?pb=!1m18!1m12!1m3!1d2918.227639979872!2d-9.013077684523495!3d42.99454097914941!2m3!1f0!2f0!3f0!3m2!1i1024!2i768!4f13.1!3m3!1m2!1s0xd2ec5606c23476d%3A0x1ad12860c4e877e9!2sAula+de+Natureza+Vilafern%C3%A1ndez%2C+Olveira!5e0!3m2!1ses!2ses!4v1544635918940&w=600&h=450] #DumbríaéTurismo #DumbríaéNatureza 

ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS

Miniatura Noticia

A variedade e a calidade da materia prima que ofrece o campo e o mar en Dumbría fan que se poida gozar dunha gastronomía exquisita.

O peixe e o marisco son, sen lugar a dúbidas, a maior riqueza culinaria da rexión onde destacan pratos como a "caldeirada". Pero tamén a carne, pola calidade dos seus pastos, que ocupa un posto destacado na súa variedade gastronómica. Tanto a gandería intensiva, con gran peso no conxunto da economía, como a caza son as garantías que aseguran pratos de gran calidade.

Ven sexa porque estás no camiño ou porque estás de visita, no Concello de Dumbría dispoñemos dunha ampla oferta de establecementos de restauración e aloxamento ao gusto do cliente.

Para descansar, destacan as pensións rústicas, os albergues privados e públicos, as casas de turismo rural e as vivendas turísticas. Toda unha grata experiencia no rural para desconectar do agobio da vida urbana.

#DumbríaéTurismo

Benvidos

Miniatura Noticia
Estades lendo o novo espazo que  a Concellaría de Cultura quere poñer en marcha para darvos a coñecer tódalas actividades culturais desenvolvidas polo Concello nas casas de cultura e bibliotecas.  O Concello de Dumbría presenta unha ampla e variada oferta cultural: cursos formativos, manualidades, teatro, títeres, inglés, contacontos e un largo etcétera. 

Neste espazo publicaremos todas as novas que se vaian producindo:  Cando é a próxima sesión do contacontos?, Xa está aberto o prazo para apuntarse ás clases de inglés? Que é a Escola de Teatro? ...

 Un blog é un espazo de difusión e tamén de comunicación e participación con todos vós, onde nos podedes achegar as vosas suxerencias ou comentarios  no apartado sinalado como “Comentarios”; na parte de abaixo de cada entrada.

Sede todos  benvidos a este blog!

Esperamos que vos sintades identificados con el e que nos agreguedes como “Seguidores” no apartado dereito da páxina para mantervos informados de todas as novas culturais, deste xeito cada vez que publiquemos algo apareceravos no voso correo electrónico.

Cociñando no Conco

Miniatura Noticia
O tempo está tolo! 
E como non invita a darse moitos chapuzóns, onte e hoxe nas instalacións do Conco, decidimos quedar ó quente e facer unhas galletiñas.
No pavillón tamén houbo carreiras de camareiros toleiróns.

Pandeireta e Baile Tradicional

Miniatura Noticia



O sábado día 22 de outubro tiveron comezo as clases de baile tradicional e pandeireta. Son impartidas coa colaboración da  A.C.D.R " As Neves" de Buxantes, e poden asistir todos os veciños e veciñas de Dumbría.
  • Día:  Sábados polas tardes
  • Lugar: Teleclub de Buxantes
Fonte: www.danzatradicional.com

MAXIA EN BERDEOGAS

Miniatura Noticia

O sábado, 5 de novembro, ás 19 horas, terá lugar no Centro Social e Cultural de Berdeogas unha actuación do Mago Marttyn.


O espectáculo é apto para tódolos públicos e a entrada será gratuíta.

Agardámosvos!



INFORMATÍZATE

Miniatura Noticia
Esta semana dan comezo as clases de INFORMÁTICA.

Están dirixidas a tódolos veciños/as a partir dos 4 anos e xa se inscribiron 130 alumnos e alumnas.


Impartiranse en tódalas Casas Culturais.

Luns: Buxantes
Martes: Olveira
Mércores: Ézaro
Xoves: Berdeogas
Venres: Dumbría

Se non estás apuntado, aínda estás a tempo!

CONTACONTOS

Miniatura Noticia
A vindeira semana, do 28 de Novembro ó 2 de Decembro,
ás 17.00 h., en tódalas Bibliotecas do Concello desenvolverase unha sesión de contacontos dirixida a tódolos nenos e nenas de Dumbría.


  • Luns: Dumbría
  • Martes: Ézaro
  • Mércores: Berdeogas
  • Xoves: Buxantes
  • Venres: Olveira