Ir o contido principal

Información

Dumbría é un municipio español da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra, comunidade autónoma de Galicia.

As principais poboacións de Dumbría distribúense en sete parroquias: Berdeogas, Buxantes, Dumbría, Ézaro, Olveira, Olveiroa e Salgueiros.

 

Clima

O seu clima é oceánico, con temperaturas suaves reguladas pola proximidade do mar. A temperatura media é de entre 13º e 14º, e, aínda que as variacións climáticas son escasas, dáse algunha diferenza térmica entre as zonas costeiras e as do interior.

 

Flora

A vexetación de Dumbría pertence ao clima atlántico. A especie vexetal predominante é o piñeiro, pero tamén poden verse carballos, loureiros e acivros. Nas proximidades da costa, as masas arbóreas deixan paso ás matogueiras de toxo e ericáceas. Unha singularidade botánica é o “Carballo Anano”, inexistente no resto de Galicia, ou unha herba hidrófila chamada Isoetes longissimum, que habita os ríos con augas ben osixenadas, así como a escasa Drosera anglica.

 

Fauna

Respecto á fauna, atopamos unha pequena variedade de mamíferos como lebres, coellos, xabarís… pero hai que destacar a presenza da londra e do lobo, de interese non só natural, senón tamén cultural. No encoro da Fervenza hai poboacións de aves propias de zonas húmidas, como aves rapaces, patos e garzas. Entre os anfibios, abunda unha gran variedade de ras asentadas no encoro de Ponte Olveira. Son tamén frecuentes aves como os bufos e as curuxas. Nos ríos atopamos, sobre todo, troitas e escalos.

Toda esta ampla variedade de hábitats e de especies animais e vexetais provoca que esta parte da paisaxe de Dumbría estea incluída como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Carnota-Monte Pindo, integrada na Rede Natura 2000 e declarada no ano 2004 Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.

 

Paisaxe

A paisaxe de Dumbría ofrece, grazas ao seu clima e á súa orografía, unha gran riqueza e diversidade paisaxística. É destacable a presenza da fervenza do Ézaro, a única desembocadura fluvial de Europa que cae directamente ao mar.

 

Demografía

Conta cunha poboación de 2.776 habitantes (INE 2024).

 

Parroquias que forman parte do municipio

  • Berdeogas (Santiago)
  • Buxantes (San Pedro)
  • Dumbría (Santa Eulalia)
  • Ézaro (Santa Uxía)
  • Olveira (San Martiño)
  • Olveiroa (Santiago)
  • Salgueiros (San Mamede)