Unha boa parte da historia do Concello de Dumbría pódese reconstruir a través dos seus restos arqueolóxicos achados nas terras das sete parroquias que o compoñen.
Se nos remontamos aos primeiros habitantes, estes eran de orixe “celta”, que se asentaron en lugares protexidos, principalmente nas beiras dos ríos ou nos cumios das montañas.
Algúns estudiosos afirman que o topónimo“DUMBRÍA” procede da combinación de palabras “DUM-BRIGA”, de orixe prerromana e que significa “poboado en altura”.
Un cemiterio, camposanto ou panteón é o lugar onde se depositan os restos mortais dunha persoa. Dependendo da cultura do lugar, os falecidos introduciranse en ataúdes, féretros ou sarcófagos, ou simplemente se envolverán en teas; para seren logo enterrados baixo terra ou depositados en nichos, mausoleos, criptas ou outro tipo de sepulturas. Tamén se usan para enterrar as cinzas de persoas incineradas.
Cemiterio municipal de Olveira – Dumbría
A palabra cemiterio ven do termo grego koimetérion, que significa dormitorioporque, segundo a crenza cristiá, no cemiterio dormían os corpos ata o día da resurrección. Aos cemiterios católicos tamén se lles chama camposantos.
Cemiterio municipal de Cores de Dumbría.
No Concello de Dumbría hai un cemiterio veciñal, feito polos veciños do lugar do Ézaro, que é coñecido como o novo cemiterio e está ao carón do cemiterio vello do Ézaro. No tocante aos cemiterios municipais, no municipio hai dous: o de Olveira e o de Dumbría.
O cemiterio de cores de Dumbría xa é un referente a nivel turístico para os apaixoados dos camposantos e do turismo necrófilo, así como da arquitectura moderna. É obra da arquitecta Rosana Pichel e está inspirado na obra neoplasticista de Piet Mondrian.
Interior do Tanatorio Municipal de Dumbría
Conxuntamente cos cemiterios municipais, cabe falar do tanatorio tamén de titularidade municipal. Trátase dun tanatorio moderno e diferente ao que estamos acostumados. Localízase ao carón do Cemiterio de Cores de Dumbría.
O patrimonio industrial é, segundo o International Committee for the Conservation of the Industrial Heritage, o conxunto de restos da cultura industrial que posúen un valor histórico, tecnolóxico, social, arquitectónico ou científico; tales como: edificios, maquinaria, talleres, fábricas, almacéns…
En concreto, no Concello de Dumbría, cabe destacar a presenza das centrais hidroeléctricas situadas a carón da Fervenza do río Ézaro, que serpentea o concello ata acadar a desembocadura no atlántico, nese punto de especial fermosura: a Fervenza do Ézaro.
ENCOROS
No Concello de Dumbría só existen encoros no río Xallas-Ézaro. Este río, conta na actualidade con catro encoros cuxa principal función é a de controlar o caudal do río para o funcionamento das centrais hidroeléctricas e como abastecemento de auga para outros concellos da zona.
Encoro da Fervenza: é un dos máis importantes da provincia da Coruña. Abrangue terreos dos concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas. Foi construido en 1967.
Encoro da Ponte Olveira: situado a uns 600m ao sur do lugar de Olveiroa, foi construido en 1966.
Encoro de Castrelo: atópase a uns 600m ao sur do lugar de Brazal (Buxantes). As augas deste embalse son conducidas mediante un canal de 6,8km e 11 túneles ata a central do Pindo. Foi finalizado en 1954 e a súa construción foi moi tráxica para a zona, falecendo moitos obreiros debido á enfermidade da silicose.
Ainda que ao longo do cauce do río Xallas-Ézaro existen varias centrais hidroeléctricas, cabe falar de dúas en concreto pola súa arquitectura e antigüidade.
Central Hidroeléctrica del Pindo: situada a carón da Fervenza do Ézaro, foi construida en 1903. No seu día, parte do edificio albergou un Centro de Interpretación da Electricidade que a día de hoxe está pechado.
A Factoría Ferroaltántica está situada no lugar coñecido como “Barro Branco”. Adícase á fabricación de ferrosilicio e ferromanganeso. Comezou o seu funcionamento no ano 1978. Autoabastécese da enerxía eléctrica producida polas centrais hidroeléctricas situadas no cauce do Río Xallas-Ézaro.
FÁBRICA “PIENSOS DUMBRÍA”
A fábrica “Piensos Dumbría” está situada a uns 500m ao sur de Olveira e pode considerarse unha das máis importantes da comarca na fabricación de pensos. Foi creada polos irmáns Pérez no ano 1987.
INDUSTRIA EÓLICA
O territorio de Dumbría conta con varios parques eólicos a pleno rendemento.
ESTACIÓN DE RADAR
Situado a uns 2.000m ao sur do lugar de Sarteguas (Berdeogas) está a antena-radar de seguimento marítimo de Fisterra. Ten unha altitude de 530m sobre o nivel do mar e pode considerarse “o balcón da Costa da Morte”. A súa vista abrangue os montes de Malpica, Corme, Laxe, Camelle, o Faro Vilán de Camariñas, os montes de Touriñán, o Cabo Fisterra, os montes de Buxantes, o monte Pindo, a serra do Barbanza, o encoro da Fervenza, o val de Terra de Soneira, a comarca do Xallas e os montes da Ruña en Mazaricos.
Se ben Galicia é coñecida como a terra dos mil ríos, o Concello de Dumbría tamén é un municipio no que as súas arterias son de auga doce.
Atendendo á súa definición, unha ponte é unha construcción que permite salvar un accidente xeográfico, como pode ser un río, un canón, un val, unha estrada, un camiño,… O deseño de cada ponte varía dependendo da súa función e da natureza do terreo sobre o que se constrúe.
O río principal do Concello de Dumbría é o coñecido como Río Ézaro ou Río Xallas. Con a penas 60 km, é o río de Galicia máis aproveitado para a producción de electricidade. De feito, nos seus últimos quilómetros de percorrido, conta con catro encoros: A Fervenza, A Ponte Olveira, Castrelo e Santa Uxía.
En canto ás pontes, son varias as que existen no termo municipal, entre as que caben destacar:
PONTE A PONTE OLVEIRA
A Ponte da Ponte Olveira: datada nos séculos XVII e XVIII. Construída con perfectas pezas de cantería de granito, salvando o curso do río por medio de tres arcos de medio punto con 12 metros de luz e uns 7 metros de altura na parte máis elevada. Posúe catro tallamares triangulares situados a favor e contra corrente. O taboleiro ten un ancho de pouco máis de 5 metros, sendo substituído o orixinal por un de formigón para poder asfaltar a estrada. Foi escenario dunha encarnizada batalla coas tropas napoleónicas e é o punto de entrada dos peregrinos ao concello.
PONTE DO ÉZARO
A Ponte do Ézaro: a construcción da ponte xorde como consecuencia dun fatídico suceso acontecido en xaneiro de 1902 ao falecer 23 persoas afogadas ao envorcar a barca na que cruzaban este tramo do río. Foi moito máis tarde, en setembro de 1951, cando se inaugurou a Ponte do Ézaro. É unha obra de cantería en ámbolos dous estribos, sustentados sobre cimentos que superan os 25m de profundidade. É aquí onde o río Ézaro ou Xallas deixa de ser río para convertense en mar, no Océano Atlántico.
PONTE VAO DE RIPAS
A Ponte Vao de Ripas: situado sobre o Rego Hospital é paso obrigado para os peregrinos de Santiago a Fisterra-Muxía; concretamente está situado entre Olveiroa e O Logoso. ( Coordenadas: 42.968918, -9.063190 )
PONTE PEÓN
A Ponte Peón, ao contrario do que poida indicar o seu nome, non é unha ponte senón un acueduto. De feito, é un dos recunchos arquitectónicos máis importantes do Concello de Dumbría. Está agochado nunha carballeira próxima ao lugar de San Crimenzo.
Trátase dun acueduto feito de cantería que salva un desnivel aproximado duns 20 metros sobre o río. Forma parte da canle de case 7 km de longo que sae da presa do Brazal e abatece de auga á central hidroeléctrica de Castrelo, situada no Ézaro.
Esta obra foi realizada a finais da década dos 40 do século pasado (1947-1950) e consta de dous piares centrais unidos aos estribos por tres arcos de medio punto.
No Concello de Dumbría temos varias mostras de arte espalladas polo territorio municipal, entre as que cabe destacar:
GOLFIÑO
Trátase dunha obra escultórica feita en ferro, un golfiño saltando a través dun gran arco. É obra do artista madrileño afincado na Coruña Enrique Saavedra Chicheri, froito do encargo da Demarcación de Costas en 1995. Está situada no paseo marítimo do Ézaro (Dumbría).
Enrique Saavedra Chicheri: «Es un entorno muy bonito, por lo que para mí fue bastante fácil inspirarme. La situación es la idónea».
BICICLETAS
Esta obra escultórica está situada no miradoiro do Ézaro e xurdiu para lembrar o paso de La Vuelta España 2012, na que este enclave foi final de etapa; feito que se repetíu en 2016 e que formou parte doutra en 2013.
PRAZA DO CONCELLO
O Concello de Dumbría foi dos primeiros da Costa da Morte en contar cunha praza adicada a súa propia historia, na que teñen cabida a través de paneis os feitos e os acontecementos máis relevantes dos municipio. Está situada en Dumbría, en fronte ao edificio municipal.
Nela, ocupa un lugar destacado Máximo Ingilde Maceiras, un veciño de Olveiroa, que deixou a súa vida fronte a unha brigada alemana no Pirineo francés.
Con esta praza trátase de darlle homenaxe a quen estivo olvidado e loitou pola liberdade, porque quen descoñece a historia corre o perigo de repetila.
ANTIGA OFICINA DE TURISMO
Este edificio que semella unha antiga cámara de fotos está situada a carón do CIR Monte Pindo e Fervenza do Ézaro, no Ézaro (Dumbría). Antigamente acollía a oficina de turismo, pero debido ao gran incremento turístico dos últimos anos a nova oficina de turismo está no entorno da Fervenza do Ézaro. Na actualidade é unha obra escultórica a carón do areal do Ézaro.
CADROS NO TANATORIO
Dende o ano 2013, no tanatorio municipal situado en Estimán (Dumbría) expóñense tres cadros do pintor madrileño con residencia en Buxán (Dumbría) Ángel Orcajo.
CADROMURAIS EN OLVEIROA
No lugar de Olveiroa (Dumbría), lugar de paso do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía, poden apreciarse dende setembro de 2010 uns cadromurais feitos polo pintor de Cangas, Raúl Velloso. Son espazos e arquitectura do pasado e do presente que a xente da aldea valora porque a través destas accións patrimonializadoras entenden que están expresando cara o exterior algo sobre o seu pobo e sobre eles mesmos.
As vivendas anteriores ao século XX estaban construidas con mampostería de pedra ao descuberto que lindaban co curro, un espazo cuberto con toxos coñecido como cañeiras que daban acceso á casa principal a través dunha ou de dúas portas de madeira con media folla. As ventás eran de pequenas dimensións e, a maioría das veces,sen cheminea para a saída do fume da lareira.
Normalmente tiña algún tragaluz a media altura que, mediante unha rampa de madeira, servía de entrada e saída ao galiñeiro. Tamén soían ter, empotradas nos seus muros, lacenas-colmeas para as abellas. Non tiñan luz eléctrica nin aseos internos.
A cociña estaba formada pola lareira, co seu forno de pedra, a veces unha despensa e lacenas empotradas no muro. A pía de lavar a louza era de pedra e estaba sempre pegada á ventá da cociña.
Destacaba tamén a cuadra na que se separaban as crías dos animais adultos. Na pranta alta, con chan de madeira, tamén coñecido como o sobrado, estaba a habitación matrimonial, case sempre situada sobre a cuadra para recibir a calefacción animal. Tamén estaban as outras habitacións máis pequenas divididas con taquiques de madeira.
Con relación ás casas no Concello de Dumbría, cabe falar de:
A Casa da Familia Leis, na parroquia de Santa Baia de Dumbría, destaca principalmente pola súa fachada asoportalada con arcos de medio punto rebaixados e con dez fiestras na planta superior.
A Casa de Cándido ou o Pazo de Vista Alegre, na parroquia de Santiago de Berdeogas, destaca por ser unha construcción de carácter pacego do s.XVIII.
A Casa do Leiteiro, na parroquia de Santiago de Berdeogas, destaca por posuír un reloxo de sol feito en cantería que se sitúa na esquina da edificación, así como un escudo de armas de catro cuarteis na fachada principal e unha chimenea de grandes proporcións.
A Vivenda en Dumbría, na parroquia de Santa Baia de Dumbría, destaca por ser unha casa tipicamente coruñesa, na que o mundo rural e o urbano danse a man.
A Casa da Vacariza, na parroquia de Santiago de Berdeogas, destaca pola súa fachada. A porta de entrada aparece lixeiramente desprazada do centro e sobre ela colócase unha fiestra con lintel moldurado e con decoración a base de bolas. Ao seu carón, outra fiestra, esta de dobre aquivolta. Entre elas, hai un tríptico labrado na pedra que representa tres figuras de animais.
A Casa de Sendón, na parroquia de Santiago de Berdeogas, destaca pola súa transformación a través das influencias que recibe da arquitectura culta, as fiestras, os balcóns e os miradoiros.
É ampla a oferta patrimonial de carácter civil no Concello de Dumbría, destacando entre os princiapais fitos as casas antigas, as pontes, as centrais hidroeléctricas,…
Toda unha oferta diferente para gozar unha vez máis deste concello!
Un cemiterio, camposanto ou panteón é o lugar onde se depositan os restos mortais dunha persoa. Dependendo da cultura do lugar, os falecidos introduciranse en ataúdes, féretros ou sarcófagos, ou simplemente se envolverán en teas; para seren logo enterrados baixo terra ou depositados en nichos, mausoleos, criptas ou outro tipo de sepulturas. Tamén se usan para enterrar as cinzas de persoas incineradas.
A palabra cemiterio ven do termo grego koimetérion, que significa dormitorio porque, segundo a crenza cristiá, no cemiterio dormían os corpos ata o día da resurrección. Aos cemiterios católicos tamén se lles chama camposantos.
No Concello de Dumbría hai oito cemiterios parroquiais: Santiago de Berdeogas, San Mamede de Salgueiros, Santa Baia de Dumbría, San Pedro de Buxantes, San Martiño de Olveira, Santiago de Olveiroa, Santa Uxía do Ézaro e o cemiterio vello do Ézaro. Habitualmente, os cemiterios parroquiais están apegados ás propias igrexas.
O Concello de Dumbría é un municipio extenso que se distribúe en sete parroquias: Santiago de Berdeogas, San Pedro de Buxantes, Santa Baia de Dumbría, Santa Uxía do Ézaro, San Martiño de Olveira, Santiago de Olveiroa e San Mamede de Salgueiros.
A pesares de ser sete as parroquias do concello, conta con dez santuarios relixiosos repartidos polo seu territorio. Conta ademais, cun enorme atractivo extra como son os diversos fitos turísticos situados en cada parroquia, máis concretamente no radio máis próximo ao edificio relixioso en cuestión.
O Concello de Dumbría é un municipio extenso que se distribúe en sete parroquias: Santiago de Berdeogas, San Pedro de Buxantes, Santa Baia de Dumbría, Santa Uxía do Ézaro, San Martiño de Olveira, Santiago de Olveiroa e San Mamede de Salgueiros.
A pesares de seren 7 as parroquias do concello, conta con 10 santuarios relixiosos repartidos polo seu territorio.