Ir o contido principal

Pepe do Fieiro

Miniatura Noticia

ENTREVISTA A PEPE DO FIEIRO: 13.03.2019

 - Sei que de neno ía coas cabras ao monte. Cando foi a primeira vez que subiu ao Monte Pindo coas cabras? Qué idade tiña? Qué lembra desa experiencia?  - Non me recordo, pero seguramente sería no ano 1941-42, eu era neno e tería sobre uns 7 anos. Lémbrome que íamos os compañeiros do lugar, eles eran maiores que min. Pasábamos o día buscando polos tesouros que nos contaban os nosos avós, os que deixaran os habitantes do monte, os que se lles coñecían como “os mouros”.  - Qué facía para pasar o tempo mentres estaba coas cabras no monte? - Xogábamos, vixiábamos as cabras e buscábamos as cabanas onde se refuxiaban durante a Guerra Civil.  - Fíxolle algunha vez o remedio do “formiguiño” a algún animal? - Non, eu non o fixen nunca. Pero recordo verllo facer aos veciños do pobo. Facíanllo ás vacas que tiñan unha enfermidade nas patas, nos cascos das patas. Mirábaselle primeiro se tiñan as chatolas das zocas cravadas nas patas, pero se non as tiñan e coxeaban, dicíaselle que tiñan o mal do “formighiño”. Levábase a vaca ao campo, arredor do casco marcábase, arrancábase nove veces o terrón onde estivo o casco da pata da vaca e púñase na lareira, para que fose ardendo pouco a pouco. Ao arder o terrón, a vaca curaba e deixaba de coxear.  - Cómo foi a súa etapa de nenez? Cómo a recorda? - Recordo unha época feliz porque no monte pasabámolo moi ben, aínda que non comíamos en todo o día porque marchabamos á mañá da casa e ata a noite non volvíamos. Enredábamos, brincábamos uns cos outros, saltábamos as pedras a ver quen subía máis alto … - Nunha época na que estudar non era o habitual nin estaba ao alcance de calquera; por qué decidiu estudar maxisterio? - Iso foi a raíz de haber quedado sen as cabras no monte, porque foron expulsadas pola forestal aproximadamente no ano 1950. Entón ao non poder coidar as cabras, mi padre díxome se quería ir estudar. Fun a Santiago estudar bacharelato e logo maxisterio. Escollín maxisterio porque me gustaba moito ensinar, gustábame ensinar aos rapaces. - Seu pai atopou unha xerra no monte, que na actualidade está no Museo do Pobo Galego. Algunha vez atopou vostede un tesouro no Monte Pindo? - Non, que recorde eu non atopei nunca nada. Para min a xerra que atopou mi padre é un tesouro; unha xerra que foi construída antes do s.XV e que apareceu no ano 1950, cinco séculos despois. - Quizais non atopou un tesouro; pero pode que dera cun descubrimento que poucos coñecen. Cál foi? - Si, esa cruz atopeina fai pouco tempo. Haberá un par de anos. Un día de casualidade, despois de arder o monte, porque esa cruz estaba tapada con maleza. Mi padre, que me ensinou moitas cousas do monte, nunca me falou desa cruz, así que el non debía saber dela. - Encántalle subir ao monte, mellor acompañado que só e se é como guía mellor aínda. Cando foi a súa primeira vez como guía levando xente ao Monte Pindo? - Si, só non me gusta ir. A primeira vez foi un verán que vin de vacacións estando en Londres, aproximadamente no ano 1980. - Lembra algunha anécdota que lle pasara no monte a vostede ou con alguén? - A primeira anécdota pasoume cando tiña aproximadamente uns 8 anos e estaba coas cabras no monte. Penso que era no verán, ese día fora mi padre e meu irmán ao monte, porque meu irmán atopara un filón de wolframio para ensinarllo a meu pai. Ese día estábamos no alto da moa, eles foran ver a mina que quedaba algo lonxe do alto da moa, cara Carnota, mentres eu quedaba coas cabras. Facía bo tempo, pero comezou a pechar de borraxeira e perdémonos as cabras e máis eu. No medio do camiño atopeime con meu pai e meu irmán, cando eu ía camiño de Carnota pensando que ía polo camiño da casa. Se non fora por eles seguramente iría dar a Carnota. - Agora dedícase a facer vídeos en directo en facebook para transmitir as súas poesías sobre o Olimpo Celta, poesías que tamén soe ler nas rutas ao monte. Cando comezou a escribilas? - Estas poesías comecei a escribilas, creo que foi no ano 2012. Como xa estaba na casa xubilado e non tiña moito que facer, comecei a escribir poesías sobre o Monte Pindo cun fin. Para que se recorden os nomes; para que os nomes se coñezan escribo versos explicativos co fin de que non se perdan. Aínda que estes nomes cambian segundo a xente sexa do Pindo, do Ézaro, do Fieiro,… - Qué é o que máis lle gusta do Monte Pindo? - Do Monte Pindo gústame todo, pero en realidade o que máis me gusta do Monte Pindo son a Moa e Peñafiel. Tamén me gusta a Casa da Xoana porque moitos que van ao Monte Pindo non van alí. O que máis a Moa e Peñafiel porque son uns bos miradoiros, pero non podería escoller cal dos dous me gusta máis (risas). - Por qué lle atrae tanto o monte? Por qué sinte esa paixón polo Monte Pindo? - Creo que foi porque o pasei ben cando fun de rapaz e porque coñezo todos os recunchos do monte, era o parque, a distracción que tiñamos. - Qué é o que máis botaba en falta cando estivo emigrado no Reino Unido? - Cando estaba en Londres botaba en falta unha visita que lle debía facer a unhas eguas que tiña no monte. Cando viña de vacacións, que viña todos os anos no verán; o mes que traía de vacacións pasábao no monte coas eguas. - Qué lle gustaría que cambiase no monte? E o que non cambiase? - Por unha parte, gustaríame que o monte volvera a como era antes. O monte encheuse de maleza. O máis triste para min foi ver o monte abandonado e logo queimado como está queimándose de vez en cando de poucos en poucos anos. Gustaríame ver o monte coidado e os sendeiros limpos. Gustaríame que cambiase para que se conservase limpo, sen maleza. - Cómo se imaxina o Monte Pindo no futuro? - Ao paso que vai, será un bosque de maleza. - Qué lle gusta máis: o Monte Pindo pola mañá, pola tarde ou de noite? - Gústame de calquera forma e en calquera momento. Gústame de día cando está despexado. Gústame pola mañá cando o sol sae e pola noite cando se mete o sol no mar, na posta de sol. Tamén me gusta ir de noite ver os fogos artificiais, na véspera do Apóstolo Santiago, pero ten que ser cando está a noite clara. No ano 2010, creo que foi cando fun por primeira vez ver os fogos do Apóstolo porque miña filla preguntoume si se verían e fomos velos con outros amigos. - Cal é o seu soño? Qué lle gustaría facer? Qué lle gustaría ter feito? - A min o que me gustaría é ver os sendeiros limpos, para que os turistas poidan subir e baixar sen perderse. - O seu currículo é extenso: foi cabreiro, mestre, limpador, guía, poeta e agora tamén un gran asiduo ás redes sociais. Vostede que viviu moitos cambios ao longo da súa vida e que está modernizado, qué é o que máis lle sorprende? O que nunca pensou que hoxe sexa unha realidade. - A min o asunto este do ordenador paréceme unha cousa milagrosa. Na década dos 50 falábase de que ía vir a televisión, que en España aínda non a había. Cando estaba estudando, unha profesora miña de literatura díxonos que algún día chegaríamos a andar co teléfono no peto … eu pensaba que cómo íamos facer co cordón? Penso que ela non chegou a velo, pero nós estámolo vendo. - Cómo aprendeu a utilizar o ordenador? Ensinoulle alguén? - Aínda non o sei utilizar. Pero apunteime a un curso de ordenadores na Casa de Cultura do Ézaro e algo aprendín alí. Logo comprei un ordenador e fun probando na casa. Para o meu uso manéxoo o suficiente. - E as redes sociais? - Non, non. Aprendín eu. “Clickes aquí e clickes alí”. O ordenador mesmo che vai guiando e vaiche explicando como hai que ir facendo. Todo un persoeiro que ben paga pena coñecer... Graciñas pola entrevista e por colaborar co Concello de Dumbría sempre que precisamos contar con vostede! Pepe-do-Fieiro-co-seu-libro-Foto-Raquel-Castro-Rodriguez Pepe do Fieiro: o Neno que soñaba coa montaña:

ENTREVISTA EN VÍDEO:

Xaime Trillo

Miniatura Noticia

Abril de 2017

DATOS BIOGRÁFICOS:

Xaime Trillo (Bustelo, Dumbría, 1974)

Traballou de vendedor, freganchín, camareiro, na obra civil e de traballador forestal. 
Actualmente está no paro.
Foi membro do colectivo BLAS ESPÍN e do BATALLÓN LITERARIO DA COSTA DA MORTE.  Publicou poemas nos libros colectivos Nós (1997) e  Rumbo ás illas (1997), así como nas revistas FEROS CORVOS e ESPRESSO-M
Dende hai catorce anos forma parde do COSAL-Costa da Morte.Anatomía da ira (Caldeirón, 2016) é o seu primeiro libro de poemas que ve a luz.

1.- Como xorde a idea desta primeira obra?           

É no verán do 2012, cando Pepa Fandiño, nese momento concelleira de cultura do concello de Cee, me chama para que participe no Agostiño cultural. Eu levo anos escribindo os poemas de Anatomía da ira, cos que participo en actos do COSAL-Costa da Morte, do que son membro, e nos da Organización Feminista BUSERANA; pero é a partir do Agostiño cultural cando decido darlle forma de libro.

2.- Canto tempo  hai que escribes?           

Con trece anos xa facía poemas. O que pasa é que cando abandonei o Batallón Literario deixei de escribir e estiven bastante tempo sen facelo. Pero nunca deixei de ser poeta.

3.- Como te sentes, xa que todo é novo para ti: presentacións, entrevistas,... ?           

Pensaba que sería con normalidade. Mais logo encontro que hai lectoras que descobren nos meus versos cousas que eu non sabía, ou das que eu non me daba conta, e, claro, fascíname. Nunca perdemos a capacidade de abraio.

4.- Cóntanos que nos imos atopar en Anatomía da ira? 

É un libro que xorde da necesidade de conxurar a infamia. Eu son militante do COSAL-Costa da Morte. E iso significa que estou moi exposto a certas cuestións: a causa palestina, a situación da muller no mundo, das multitudes asoballadas polo poder, e a cólera aflora no que escribo. É un libro político, incardinado na tradición da poesía galega internacionalista, que nos anos 70 do pasado século deu poemas espléndidos, coma o Vietnam canto de Novoneyra, o Sirventés pola destrución de Occitania, de Ferrín, e o Laio e clamor pola Bretaña de Manuel María.

5.- Que é para ti a poesía, e que che aporta a nivel persoal escribir? 

Non é doado dar unha resposta. Tal vez sexa atracción polas palabras e a necesidade de expresar con elas todo o que nos asombra. A nivel persoal, teño a satisfacción de estar facendo un traballo útil. Aínda que ese traballo, a nivel social, se valore máis ben pouco.

6.- A quen admiras como escritor ou escritora?           

Hai autoras e autores que me veñen acompañando dende que era un cativo. Rosalía, Neruda, Whitman... Máis tarde sumáronse outras. Algunhas están na miña máis profunda predilección. Falo de Pimentel, Cernuda, Cunqueiro, Safo, Gamoneda, Ferrín, Lorca, Eugénio de Andrade, Vallejo, Celán, Valente, Martín Códax, Machado, Eliot, Dylan Thomas, María Mariño...            Tamén, as últimas xeracións do país nosos agasalláronme con poemas enormes de Pilar Pallarés, Lois Pereiro ou Olga Novo.

7.- Que lles dirías á veciñanza de Dumbría para que lesen máis?           

Que os libros son fundamentais para saber quen somos. Todo o saber acumulado a través do tempo está dentro dos libros. Neles latexa a condición humana. Fannos mellores. E a nosa capacidade cognitiva mellora coa lectura.

8.- De que tratará a t úa seguinte publicación?           

Hai un novo libro de poemas ao que xa lle puxen o ramo, e que versa sobre a resistencia.

9.- Que libro hai na túa mesiña de noite?           

Se te refires ao que estou a ler agora, estou con No tempo de Follas Novas, un ensaio sobre autoras e autores de todo o mundo contemporáneos de  Rosalía de Castro. Está coordinado por Pilar García Negro.

10.- Gústache ler en dixital, ou prefires o papel?

Prefiro papel. O que pasa que as tecnoloxías son moi dinámicas, e hai libros que antes eran inencontrábeis e agora xa non o son. Antes, cando eramos adolescentes, había textos aos que non podiamos acceder. Agora, se estás conectado, podes. E ademais tes outros soportes para publicar. Este é un logro da internet.

Gaiteiros de Buxantes

Miniatura Noticia

Albergue de Peregrinos de Olveiroa

Miniatura Noticia

Tanto se o teu camiño remata en Fisterra coma en Muxía, o Albergue de Peregrinos de Olveiroa é unha opción ideal para culminar unha das etapas.

puri albergue

Trátase dun albergue de carácter público onde a hospitaleira Puri che dará a benvida e che asesorará sobre o Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía.

Está sitauado nunha antiga aldea de trazado medieval onde poderás gozar do encanto do lugar e da gastronomía que ofrecen os seus restaurantes.

Información práctica:

    • Horario de admisión: de 13:00h a 22:00h
    • Teléfono: 658 045 242
    • Número de prazas: 34.
    • Servizos: accesibilidade, calefacción, neveira, auga quente, ducha, wc, lavadoiro.
    • Equipamento: cociña, salón, comedor, terraza, depósito de bicicletas, establo-hípica, lavandaría.
[googlemaps https://www.google.com/maps/embed?pb=!1m14!1m8!1m3!1d11678.096760318449!2d-9.0395632!3d42.9672304!3m2!1i1024!2i768!4f13.1!3m3!1m2!1s0x0%3A0xc44fa0b8c6486d51!2sAlbergue+de+Peregrinos+de+Olveiroa!5e0!3m2!1ses!2ses!4v1544721762496&w=600&h=450]
#DumbríaéCamiño #DumbríaéTurismo

Marcela e Elisa

Miniatura Noticia

«La de Elisa y Marcela es una de las más extraordinarias historias de amor de todos los tiempos. La mismísima Emilia Pardo Bazán reconoció que nunca habría sido capaz de imaginar una novela semejante. (…) Tenemos un libro que es algo más que un libro. Una obra singular, uno de los libros más excitantes, mentalmente, de los últimos años.» Manuel Rivas


       Por todos os veciños de Dumbría é coñecida a historia destas dúas mestras: Marcela Gracia Ibeas y Elisa Sánchez Loriga. A súa unión matrimonial realizouse máis de 100 anos antes de que a lei permitira ós homosexuais españois contraer matrimonio. Era no noso concello alá polo ano 1889 cando destinan a Marcela a dar clase na Escola de Dumbría.
 
        Foi o escritor galego  Narciso de Gabriel co seu libro "Elisa y Marcela" publicado no ano 2008 e despois de 15 anos de investigación, o  que sacou á luz o que para uns marcou o precedente dos matrimonios homosexuais en España e para outras se queda nunha extraordinaria historia de amor.  Marcela e Elisa están de actualidade, e a Universidade da Coruña organiza unha mostra fotográfica do estudo Sellier do casamento destas dúas mulleres. 

O historiador local Modesto García Quintáns publica na Voz de Galicia unha nova sobre a historia destas dúas mulleres.

MAXIA EN BERDEOGAS

Miniatura Noticia

O sábado, 5 de novembro, ás 19 horas, terá lugar no Centro Social e Cultural de Berdeogas unha actuación do Mago Marttyn.


O espectáculo é apto para tódolos públicos e a entrada será gratuíta.

Agardámosvos!



INFORMATÍZATE

Miniatura Noticia
Esta semana dan comezo as clases de INFORMÁTICA.

Están dirixidas a tódolos veciños/as a partir dos 4 anos e xa se inscribiron 130 alumnos e alumnas.


Impartiranse en tódalas Casas Culturais.

Luns: Buxantes
Martes: Olveira
Mércores: Ézaro
Xoves: Berdeogas
Venres: Dumbría

Se non estás apuntado, aínda estás a tempo!

CONTACONTOS

Miniatura Noticia
A vindeira semana, do 28 de Novembro ó 2 de Decembro,
ás 17.00 h., en tódalas Bibliotecas do Concello desenvolverase unha sesión de contacontos dirixida a tódolos nenos e nenas de Dumbría.


  • Luns: Dumbría
  • Martes: Ézaro
  • Mércores: Berdeogas
  • Xoves: Buxantes
  • Venres: Olveira