Ir o contido principal

INSCRICIÓN ACTIVIDADES VERÁN

Miniatura Noticia
Está aberto o prazo de inscrición para as actividades que se levarán a cabo nas instalacións do Conco ó longo do verán.


Coma tódolos anos, os rapaces e rapazas poderán asistir ós cursos de natación e participar nos xogos,
deportes, actividades culturais, etc. que se desenvolverán nos meses de xullo e agosto. Para asistir a estas actividades haberá servizo de autobuses.

Para adultos, rexe o mesmo prazo para que se anoten ós cursos de iniciación e perfeccionamento de natación.

Os horarios serán comunicados con anterioridade ó comezo das actividades.

É importante que vos inscribades para poder facer o deseño dos horarios por parroquias.

Podedes inscribirvos tanto nas oficinas municipais coma nas casas culturais.

Prazo: ata o 26 de xuño.

FESTA FIN DE CURSO 2012-2013

Miniatura Noticia
O día 26 de xuño celebraremos no Ézaro a festa infantil de fin de curso.

A festa está dirixida a tódolos rapaces e rapazas do concello a partir dos 4 anos.





PROGRAMA:
- chegada a Ézaro aproximadamente ás 11 horas.
- xogos na praia
- ás 14.00 horas actuación de maxia con Cayetano Lledó na Casa Cultural de Ézaro.
- Regreso: saída aproximadamente ás 17.30 horas de Ézaro

Haberá servizo de autobuses polas parroquias.
O Concello farase cargo da comida dos asistentes. Rogamos que  nos avisen en caso de alerxias.

INSCRICIÓNS:
é imprescindible cumprimentar e entregar unha autorización que poderedes atopar nas casas culturais e nas oficinas municipais antes do 20 de xuño.


DEBIDO ÁS OBRAS DE ACONDICIONAMENTO DO PAVILLÓN, SE CHOVE, SUSPENDERANSE AS ACTIVIDADES.

Noite de cachelas, de agua, de prantas e sardiñas

Miniatura Noticia
Foto:Naturpixel

 
A noite máis máxica do ano estase achegando. Será o próximo 23 de xuño. Unha noite especial, chea de maxia: a noite das meigas, porque "habelashainas". 



Neste día  do solsticio de verán, a noite máis curta no Hemisferio Norte, encéndense grandes cacharelas sobre as cales a xente salta para purificarse, e nas que cada un "queima " todo o negativo que quere apartar da súa vida.




En #Dumbría haberá festa e cachelas en tódolos lugares para conmemorar o San Xoán, con festas en Berdeogas e Olveira  e tamén a  larada do Ézaro. 



Para os principiantes na fotografía que queiran inmortalizar o momento, e tratándose dunha das noites máis fotoxénicas do ano, deixámosvos algúns consellos para fotografar as cacharelas da man dos expertos Naturpixel.com:

1. Decide o lugar: baralla as túas posibilidades e escolle cal encaixará mellor na túa reportaxe fotográfica.


2. Planifícate: Pensa que forma lle queres dar á túa serie de fotos, como queres contalo a través de imaxes.


3. Vai con antelación. Non esperes ata que chegue a noite. Vai con tempo para coñecer o terreo, coller sitio e fotografar a evolución da festa. Tal vez encontres bos motivos fotográficos antes de que acendan o lume que che axudarán a contar mellor a túa historia, á vez que terás máis material para que a túa reportaxe fotográfica sexa máis completa.


4. Non te obsesións co flash. En fotos concretas pódelle dar un toque, mesmo podes usalo para facer fotos creativas coa cortina traseira, pero non esquezas que o suxeito principal da noite é o lume, e deixa que sexa o que ilumine a escena. Sube un pouco o ISO se fai falta, aprende a facer fotos escuras, e busca eses pequenos espazos iluminados con esa pouquiña luz cálida. Tamén podes subexpoñer un pouco, para que o lume colla ese toque alaranxado-avermellado en lugar de quedar branco.


5. Busca siluetas. É o que máis doado vas  atopaar cando a xente estea a rodear o lume. De tódolos xeitos, procura estar atento en momentos decisivos e non fotografar siluetas porque si. Primeiro observa, despois decide e finalmente dispara.


6. Busca diferentes encadres. Fai fotos xerais, despois busca detalles, cámbiate de lugar, mestúrate coa xente... fai que as túas fotos sexan o máis variadas posibles, mira coa mentalidade de coleccionar instantes coa túa cámara para logralo.


7. Arríscate. Confía na túa creatividade, observa moito, e finalmente seguro que encontras puntos de vista que só se che ocorreu a ti. Así é como conseguirás que as túas fotos sexan especiais.

 



E ...cales son os teus trucos para sacar unhas fotos inesquecibles nas cacharelas de San Xoán?

EXPOSICIÓN MANUALIDADES 2013

Miniatura Noticia
Ata o venres, 28 de xuño, permanecerá aberta ó público a exposición dos traballos realizados nas clases de manualidades durante este curso 2012-2013.


A exposición ubícase no Centro Social de Dumbría (fronte ó Concello) e poderá visitarse de 9 a 14 horas (o sábado ata as 13 horas).

Estades todos invitados a pasarvos por aquí e admirar estas obras de arte feitas polos veciños e veciñas de tódalas parroquias de Dumbría.

CHEGOU O VERÁN !

Miniatura Noticia
Hoxe, mércores, 26 de xuño, celebramos nas instalacións do Conco a Festa Fin de Curso 2013.
Participaron 85 nenos e nenas do concello, que puideron participar pola mañá de xogos grupais e pola tarde, ademais do primeiro chapuzón para dar por inaugurada a temporada estival, tamén aproveitaron para coñecer o funcionamento da sala de maquinaria da piscina e como se fai o mantemento diario da mesma.
Os rapaces e rapazas a partir dos 4 anos non esquezades que aínda estades a tempo de inscribirvos nas actividades de verán.
Levaranse a cabo no Conco e distribúense en 3 grandes bloques:
- actividades culturais: manualidades, cociña, animación á lectura, inglés, xogos de mesa ...
- actividades deportivas: iniciación e práctica de diversos deportes, xogos grupais para o tempo libre, ...
- cursos de natación.

Para apuntarse, debedes facelo nas oficinas municipais ou nas casas culturais.
Haberá servizo de autobuses que pasarán a recollervos polas parroquias.

APURADE!

VERÁN DE LINGUAS

Miniatura Noticia


¿ Gustaríache que o teu fill@  aproveitara as vacacións de verán para seguir en contacto co inglés dun xeito dinámico e activo, case sen darse conta?.

 Ó longo deste verán, os nenos e nenas do concello de Dumbría poderán asistir a un taller infantil de lingua inglesa. 
Aprenderán inglés ó mesmo tempo que se divirten.


As sesións estarán dirixidas por profesorado nativo.

Este pretende ser un complemento ás actividades estivais que se desenvolven nas instalacións do Conco.


Os interesados aínda están a tempo de inscribirse!


Máis información nas oficinas municipais e nas casas culturais.

Roteiros guiados ó Monte Pindo. Información turística

Miniatura Noticia



O Centro de Interpretación das Rutas (CIR) do Monte Pindo e Fervenza do Ézaro 

estará aberto no seguinte horario: 

De LUNS a VENRES (agás os mércores): de 10:00 a 20:00h
SÁBADOS e DOMINGOS: de 10:30 a 13:30h e de 16:00 a 19:00h

O CIR está situado na estrada Cee-Muros, á altura do desvío que leva á Fervenza, ós pantaláns e ó miradoiro.



Nel podedes atopar información de diferentes roteiros polo Monte Pindo:


- Roteiro do Castelo do Pedrullo
- Roteiro das Miradas do Atlántico
- Roteiro das Pegadas da Historia







Os MÉRCORES de xullo e agosto faranse subidas guiadas e gratuítas ó Monte Pindo. 


Este roteiro terá o punto de saída no CIR ás 09.00hPara participar, abonda con anotarse previamente no CIR.



O roteiro en cuestión é o denominado Pegadas da Historia:

parte do lugar do Fieiro, situado despois do encoro de Santa Uxía, pouco despois do miradoiro do Ézaro. 
Este itinerario é o máis cómodo e accesible para subir ó Monte Pindo.

Ascéndese por unha calzada de pedra ata o "Castelo de Peñafiel", no alto do cal atópase a "Cama da Fertilidade".
Outra parada interesante é a "Cova de Xoana", que atravesa o monte dun lado ó outro de maneira natural.





*Máis información: no CIR, en turismodumbria@gmail.com , no teléfono 

662 346 927 ou na 


Oficina de Información Turística do Ézaro, situada ó carón dos pantaláns e da Fervenza, e que ten novo horario:

 De LUNS a VENRES: de 10:00 a 20:00h
SÁBADOS e DOMINGOS: de 10:30 a 13:30h e de 16:00 a 19:00h



Na Oficina de Turismo tamén podedes reservar a pista de pádel (6 turnos de luns a venres e 4 nas fins de semana). Podedes facer a reserva tamén a través do teléfono que figura máis arriba.

Dumbría é turismo!  Dumbría é paisaxe, natureza, imaxe, son,... 

DUMBRÍA É ÚNICA!

DUMBRÍA SOA

Miniatura Noticia

Pequeno percorrido polos sons que se escoitan en @Dumbría.
Sons de música galega, sons de afección ó deporte, sons da natureza, dos pasos do Camiño de Santiago, sons en moitas linguas, ... e un dos sons máis prezados: o do silencio.

DUMBRÍA SOA!

Dumbría é son, é natureza, é deporte, é cultura, é música, é camiño, é silencio,...

DUMBRÍA É ÚNICA!

13ª FESTA DA FAMILIA

Miniatura Noticia



Domingo, 21 de xullo.

Devesa da Lúa
Carballeira de Berdeogas.

Coma cada ano, desde o Concello, animámosvos a todos os veciños e veciñas a acudir a esta cita.

"Estimadas veciñas e veciños:
De novo é un gran pracer anunciarvos a tradicional Festa da Familia, un día ao ano que nos pertence, un día para compartir todos xuntos, coma a gran familia que somos.

Como gran festa que é, gozaremos do bo xantar ao aire libre, música, xogos para os nosos peques e do reencontro cos veciños...
Tamén, como ben sabedes, quero animarvos a convidar a esta gran festa aberta a todos aqueles que queiran coñecer o noso femoso concello e as nosas xentes.

A xuntanza de familias e amigos terá lugar na área recreativa da "Devesa da Lúa", na nosa fermosa e máxica carballeira de Berdeogas. Agárdovos a todos unha vez máis para compartir o orgullo de pertencer a este concello.
Un saúdo e boa festa.
José M. Pequeño Castro
Alcalde de Dumbría"

PROGRAMA:

Xa vedes que a diversión está asegurada.

Non vos perdades a actuación dos grupos de música tradicional da ACDR As Neves de Buxantes, os grupos da Escola Municipal de Música Tradicional de Dumbría.

Lembrade que xa podedes reservar mesa e mercar os tickets nas oficinas municipais.

Dumbría é festa!


Estreamos ferramenta para estar máis pretos: Pinterest

Miniatura Noticia



Pinterest é unha ferramenta da  rede social para compartir 
imaxes que permite que os usuarios poidan colgar fotos e vídeos nun taboleiro temático. Os usuarios poden buscar outros  pinboards, 're-pin' imaxes para as súas propias coleccións ou darlles   'me gusta'.

Pódelo ver en:
pinterest.com/Dumbria

 A misión do Pinterest é a da conexión de todos a través de cousas que encontran afíns ó seu interese e co que se senten identificados. 

Co fin de crear comunidade creamos este espazo para promoción do Concello e para darlle visibilidade na rede: #Dumbríaparapresumir.

Bótalle unha ollada a este novo espazo e recorda ti tamén podes facerte usuario e colgar un taboleiro coas túas fotos favoritas: afeccións, turismo, viaxes...