A páxina requirida non se pode atopar.
Dumbría continúa apostando por seguir a senda dixital, grazas á Subvención a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU da convocatoria do ano 2024, liña 2 de Transición Dixital dos recursos con potencial turístico no litoral.
A creación dun mapa dixital interactivo constitúe unha nova revolución na experiencia turística dentro do Concello de Dumbría. Este mapa non serve só como ferramenta visual para a localización de puntos de interese, senón tamén como unha plataforma dinámica para a exploración detallada dos recursos turísticos dumbrieses.
Así mesmo, dentro dese mapa dixital un pode mergullarse pola imaxes panorámicas 360º, os microvídeos e os modelos 3D para gozar dunha experiencia inmersiva.
>> MAPA INTERACTIVO DUMBRÍA – GALEGO
>> MAPA INTERACTIVO DUMBRÍA – ESPAÑOL
#DumbríaéTurismo
Unha experiencia inmersiva onde descubrir Dumbría a través da realidade aumentada, os modelos 3D e os tours virtuais 360º.
O Concello de Dumbría presenta en FITUR 2025 os Tours Virtuais 360º que permiten explorar un espazo de maneira virtual, coma se estivese fisicamente nese lugar. Grazas ás imaxes de alta resolución en 360º, o público visitante poderá interactuar co entorno dunha forma dinámica. Poderá facelo dende calquera navegador web e dende calquera dispositivo: smartphone, ordenador ou tablet.
>> TOURS VIRTUAIS DUMBRÍA 360º
Esta tecnoloxía poderá ser volcada en gafas de realidade virtual… Dumbría está á vangarda da dixitalización turística co fin de converterse nun destino intelixente e eficiente.
#DumbríaéTurismo
Dumbría ábrese ao mundo da realidade aumentada para enriquecer a experiencia do turista, grazas á Subvención a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU da convocatoria do ano 2023, liña 2 de Transición Dixital dos recursos con potencial turístico no litoral.
A tecnoloxía avanza a un ritmo vertixinoso e por iso o Concello de Dumbría aposta pola innovación e a modernidade a través desta nova ferramenta de promoción turística. A aplicación móbil Dumbría AR contribúe a diversificar a oferta e a desconxestionar os puntos de maior afluencia, ofrecendo información en tempo real, reducindo o consumo de materiais impresos o que repercute directamente na redución da pegada ecolóxica do turismo, obtendo datos dos recursos máis visitados e das incidencias en tempo real.
O visitante pode descubrir o Concello de Dumbría tanto dende a súa casa, como no propio destino a través do xeoposicionamento. Moverse polo concello nunca antes fora tan innovador cos Pop-Ups interactivos do mapa virtual, o escaneo de marcadores (AR Points) nos recursos e do Tótem virtual en 3D.
DESCARGAR:
Recursos turísticos e rutas para descubrir a través de contido audiovisual e información práctica a través das alertas. Unha APP dispoñible en varias linguas e con audioguía para unha maior accesibilidade.
Toda unha experiencia inmersiva para os usuarios tanto locais coma visitantes. Tan só é necesario dispor dun smartphone ou tablet con acceso a internet, descargar a aplicación que é gratuíta e comezar a viaxar polas terras de Dumbría.
Unha ferramenta de apoio á Oficina de Turismo do Ézaro para ter o turismo de Dumbría operativo 24/7, unhas das accións marcadas no seu plan de mellora dentro da SICTED.
O obxectivo que se persegue é a xestión intelixente e eficiente do turismo en Dumbría.
#DumbríaéTurismo
Ademais do seu gran mito a nivel ciclista, como o é o Gran Fondo Ézaro, Dumbría ten unha gran riqueza para a práctica do ciclismo en montaña ou BTT, con pistas aptas para a práctica deste deporte.
LA VUELTA
Se hai uns anos alguén nos dixera que O Ézaro chegaría a formar parte de La Vuelta ciclista a España, seguramente diríamos que ese alguén está a soñar. Pois ese soño converteuse nunha auténtica realidade en 2012.

Un fito que marcou un antes e un despois en toda a comarca. Un fito que se volveu repetir en 2013 e en 2016, difundindo a nosa terra, a nosa rampla de cemento e a nosa Costa da Morte. E por se tres ocasións non foran dabondo, en 2020 O Ézaro repite en La Vuelta.
Da gusto cando un soña algo bonito, esperta e é capaz de reenganchar ese soño… E se ese soño se converte en realidade, aínda mellor…
VUELTA 2020
🗓 03.11.2020
🚴 Etapa 16
📍 Muros – Mirador Ézaro
📏 33,5 km – contrarreloxo individual
GRAN FONDO ÉZARO
O Gran Fondo Ézaro é unha multitudinaria proba ciclista que ten lugar dentro do incomparable marco da Costa da Morte. Unha paisaxe incrible, uns valores culturais e patrimoniais de primeira orde e un percorrido tan espectacular coma esixente fan desta unha proba única.

O percorrido transcorre a través dos concellos coruñeses de Dumbría, Cee, Muxía, Vimianzo, Muros e Carnota, en plena Costa da Morte, que acompañan ao corredor con fermosas paisaxes e duros ascensos. Para os máis ousados, a ruta longa aproxímase aos 150 km, mentres que os que queiran vivir unha versión máis breve poderán optar pola ruta curta, cuns 80 km.
🗓 Para 2020, a cita está fixada o 5 de xullo.
Ao seu esixente percorrido, cun final no mítico “muro” do Miradoiro do Ézaro, súmase a contorna, os valores que promove a organización e o nome que, cos éxitos cultivados e o aval da UCI, gañou a cita atraendo a deportistas de toda España e do estranxeiro, así como a grandes nomes deste deporte.
BTT
O Concello de Dumbría é un territorio onde a terra e o mar xogan a mesturarse, dando lugar a zonas de incrible beleza. Unha opción para coñecer este territorio, o territorio vákner, é en bicicleta de montaña por calquera das pistas polas que cada ano ten lugar a BTT Dumbría.

Incluso, hai quen opta por facer o Camiño de Santiago en bicicleta. Unha maneira moi práctica e sustentable de facelo, sobre todo para os apaixonados do ciclismo.
#DumbríaéTurismo #DumbríaéDeporte
Considerado un dos mellores miradoiros de Galicia e non só o dicimos nós… Dende este enclave poderás ver o carácter da costa galega; dende a punta do Cabo Fisterra co seu faro, pasando polas salvaxes Illas Lobeiras, a serpenteante desembocadura do río Ézaro, a grandiosidade do Olimpo Celta – Monte Pindo ata chegar ao encoro de Santa Uxía, que regula o caudal da singular Fervenza do Ézaro. Todo un espectáculo natural que non precisa filtros para gozar da súa panorámica.
Non podemos esquecernos que o Miradoiro do Ézaro estase convertendo na meca de ciclistas. Todo comezou no verán de 2012, sendo este lugar o final da décimo segunda etapa de La Vuelta onde Joquím Rodríguez “Purito” fíxose co título de gañador de etapa cun récord de subida deses últimos 2 km en tan só 6´47´´: insuperable! En 2013, La Vuelta volveu contar con este escenario, formando parte da cuarta etapa con final no Cabo Fisterra.
Pasaron uns poucos anos e en 2016 volveu soar O Ézaro na volta ciclista España, volveu ser final de etapa, da terceira etapa na que Alexandre Geniez conquistou o Miradoiro do Ézaro. 2020 volverá ser ano de La Vuelta… Tocará agardar uns meses para coñecer o gañador desta contrarreloxo infernal!!
Parello a este evento ciclista de índole internacional naceu o Gran Fondo Ézaro, agora enmarcado nas UCI Gran Fondo World Series, unha cita ineludible para os amantes das bicicletas.
E non todo é deporte, lembra que o miradoiro do Ézaro ofrece un espectáculo visual único. Se buscas un lugar onde gozar dunha posta de sol única, este é o teu!
#DumbríaéTurismo #DumbríaéNatureza
Existe un lugar onde o río se funde co Océano Atlántico, un lugar de lendas, un lugar máxico onde o río se convirte en fervenza para abrazar así a auga salgada do mar.

O río Xallas ou Ézaro determina o carácter do Concello de Dumbría. Atravésao de norte a sur ata desembocar na súa máxima expresión en forma de fervenza directamente sobre o océano; a denominada Fervenza do Ézaro, conformando o único exemplo de desembocadura fluvial deste tipo en Europa.

Antes de converterse en fervenza, o río é retido por catro encoros: A Fervenza, A Ponte Olveira, Castrelo e Santa Uxía. Destacan as pías ou caldeiras que se atopan entre o último encoro e a propia fervenza, que son cavidades naturais construídas ao longo dos séculos polo río. No último tramo do río ten un desnivel de 155 metros e a altura da fervenza é de 40 metros.

Ata mediados do s.XIX, o río Xallas e a súa fervenza coñecíanse como Río Ézaro ou Lézaro. Así se constata nas fontes cartográficas da época. De feito, a primeira referencia cartográfica coa denominación Ézaro aparece na Descrición do Reyno de Galizia (ano 1598).
Dende abril de 2011 a Fervenza do Ézaro está constantemente con agua; as 24 horas do día durante os 365 días do ano.
Un espectáculo que paga a pena ver, unha combinación máxica de auga, natureza, luces de cores e música. A comezos de cada ano, o Concello de Dumbría publica o calendario de iluminación da Fervenza na web municipal, nas redes socias e nos medios de comunicación
Así mesmo, dende a web http://www.dumbria.com podes acceder á webcam da Fervenza do Ézaro para poder vela en directo sen moverte da casa!
ILUMINACIÓN FERVENZA DO ÉZARO
Ven gozar da fermosa Fervenza do Ézaro nas noites máxicas do verán de Dumbría. Durante os meses de xuño a setembro a Fervenza do Ézaro iluminarase polas noites, e poderás contemplar este espetáculo en primeira fila dende a pasarela de madeira que chega ata o pé da fervenza.
Dumbría, NOITES MÁXICAS !
HORARIO ILUMINACIÓN DA FERVENZA DO ÉZARO 2026
Dende ás 22:30 ata ás 00:30h dende o 10 de xullo do 2026 ao 19 de setembro, venres e sábados.
Acceso de balde

CONSELLOS:
- Evitar empregar un navegador ou GPS (nesta zona non axuda, soe recomendar a peor estrada).
- Se ves da zona de Santiago – Rías Baixas – Ourense. 2 opcións:
- Estrada de costa: autovía ata Noia, continuar á dereita pola estrada de costa AC-550 dirección Cee, despois de pasar polo pobo do Pindo, xusto despois da ponte hai un cruce á dereita que indica Fervenza do Ézaro.
- Estrada de interior e costa: estrada AC-441 dirección Negreira – Muxía, en Boudañeira xirar á esquerda dirección Berdeogas, chegados ao cruce coa estrada AC-552 dirección Fisterra – A Coruña xirar á esquerda dirección Fisterra, ao chegar a Cee xirar á esquerda dirección Muros, cara o final do pobo do Ézaro, xusto antes da ponte hai un desvío á esquerda que indica Fervenza do Ézaro.
- Se ves da zona da Coruña – Lugo:
- Autopista AG-55 dirección Arteixo – Carballo, continuar pola autovía dirección Fisterra, continuar pola AC-552 dirección Fisterra, chegados a Cee, xirar á esquerda dirección Muros, cara o final do pobo do Ézaro, xusto antes da ponte hai un desvío á esquerda que indica Fervenza do Ézaro.
- Unha vez chegados á zona do porto deportivo do Ézaro, aparcar na zona adoquinada que vai paralelamente ao longo da estrada, é aparcadoiro. Non na explanada, posto que é zona amarela. Continuar un leve paseo a pé a carón do río, enlazando coa pasarela de madeira ata os pés da Fervenza do Ézaro onde poderás incluso tocar a súa auga.
Paxinación
- First page
- Páxina anterior
- …
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- …
- Páxina Seguinte
- Last page
